O Sermos analiza o crecente mundo dos 'podcast' en galego

Este número tamén fai unha parada nos entroidos galegos máis destacábeis e fala coa autora Ana Romaní, que publica un novo poemario. Para ler todos estes contidos só tes que preguntar polo semanario, que sae publicado mañá acompañando ao Nós Diario, no teu quiosque. Tamén o atoparás dispoñíbel para a súa lectura na nube a través da nosa tenda en liña.
Imaxe da entrevista a Ana Romaní. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe da entrevista a Ana Romaní. (Foto: Nós Diario)

Unha das citas ineludíveis dos sábados é a que tes co Sermos Galiza, que esta semana investiga sobre os novos modelos de comunicación audiovisual nunha das súas reportaxes. A través das verbas de Tensi Xesteira poderás saber máis sobre os arquivos de audio descargábeis sobre os máis diversos asuntos. No artigo 'Podcast en galego. A eclosión dun novo formato', a autora fala dun sistema de comunicación á alza.

Coincidindo co Día Mundial da Radio ela analiza unha nova oferta máis diferenciada por nichos de mercado, na que calquera pode falar do que desexe e agardar crear unha comunidade. En calquera momento e en calquera lugar, sen escaletas nin horarios fechados como nos programas das emisoras tradicionais que, de feito, tamén se uniron a esta moda.

Aliás, non se podían deixar pasar estas datas sen mirar a algunhas das festas que galegas e galegos lembran con máis morriña este ano. Felipe-Senén, con imaxes de Santos, debulla 'As mil caras do Entroido. Cosmogonías da primavera'.

O repaso para nalgunhas máscaras das recoñecidas por todas pero tamén noutras celebracións máis escondidas, que poderás comezar a gozar a través das fotografías.

A xornalista Montse Dopico entrevista á escritora Ana Romaní, que vén de regresar á escena poética logo de dez anos de silencio. Agora publica A desvértebra coa editorial Chan de Pólvora e, fotografada por Arxina, fala da proposta, da inspiración, do léxico, dos premios...

No Andar e Ver, Adela Leiro, Xan Colazo e Mon Daporta -do Colectivo Xea- propoñen un paseo pola 'Ruta dos Cerqueiros nas Fragas do Eume'. E na sección dedicada á literatura, Mario Regueira e Manuel Barreiro fornecen ás lectoras das novas recomendacións, incluídas as de banda deseñada.

No capítulo da música, contamos coas crónicas de Olga Brañas e Mario Vilariño, mentres que Andrés Castro volve coa súa habitual sección de cinema. Ademais, esta semana Pepe Barro fai un repaso polo deseño e Lázaro Armental repara na arquitectura. A proposta semanal complétase cos pasatempos de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Para gozar de todos estes temas só tes que preguntar polo Sermos Galiza que atoparás mañá en quiosques, librarías ou na nosa tenda en liña. A recomendación que facemos é tramitar a subscrición xa para que nunca esquezas o semanario!

Comentarios