O “Alba de Gloria” sentirase de novo no cumio do Pico Sacro

A federación de asociacións culturais 'Galiza Cultura' convida por terceiro ano a subir ao Pico Sacro o próximo día 20 de xullo para unha lectura pública do Alba de Gloria de Castelao, en lembranza da rota recorrida polo autor de Sempre en Galiza. Denuncian a “estratexia de destrución cultural diante da ofensiva españolizadora”. 

Conmemoración no Pico Sacro do 2012
photo_camera Conmemoración no Pico Sacro do 2012

O espazo simbólico do Pico Sacro será por terceiro ano consecutivo o espazo no que Galiza Cultura reclama o dereito a nosa cultura e denuncia a “estratexia de destrución cultural que estamos a sufrir diante da ofensiva españolizadora do actual goberno da Xunta e do Estado”. Unha lectura pública do Alba de Gloria de Castelao o vindeiro sábado día 20 de xullo repetirase por terceiro ano consecutivo no cumio do monte, como unha data significada xa no calendario anual. 

Galiza Cultura rememora coa subida ao Pico Sacro a peregrinaxe de Castelao de 1924 cando a ditadura impedía a celebración da fe

sta nacional. Recolle tamén a conmemoración a homenaxe a esa peza de especial significación na nosa historia, o  discurso para o día da patria galega “Alba de gloria” que o autor de Sempre en Galiza escribe no seu exilio e no que volve, desde a distancia, de novo ao Pico Sacro. 

“As asociacións culturais galegas porque queremos volver sobre os seus pasos físicos e intelectuais e homenaxear a este creador comprometido co seu pobo. Lembrar e retomar unha tradición que apesares das circunstancias conxunturais adversas porfía en alumear un futuro mellor, unha alba de gloria para Galiza e a súa cultura”, sinalan desde Galiza  Cultura. 

A subida ao monte partirá ás 12;00 desde a capela de San Sebastián até o cumio onde se desenvolverá a lectura do Alba de Gloria. A xornada rematará cunha visita guiada polo Pico Sacro e un xantar de confraternidade. A música de Mini e Mero -que asisten á conmemoración desde os seus inicios- e a a poesía estarán presentes nos diversos momentos do programa. 

No seu máis coñecido discurso, pronunciado en 1948 en Bos Aires, Castelao evocaba a enerxía do monte ao sinalar que a festa do 25 de xullo “ten por altar a terra nai, alzada simbolicamente no Pico Sacro”.

Comentarios