De novo, unha ópera en galego

A música de Fernando Buíde e o texto de Quico Cadaval alíanse para a estrea de A sombra de Cristal, unha ópera bufa que se basea nos personaxes de La serva patrona de Pergolesi, mais situados na Compostela do século XXI. A obra é un paso máis dentro dos pequenos  avances do xénero nos últimos anos.
Pormenor da primeira páxina da partitura de 'A sombra de Cristal'..
photo_camera Pormenor da primeira páxina da partitura de 'A sombra de Cristal'. (Foto: Amigos da Ópera)

Non son moitas as oportunidades de ver ópera en galego, mais no que levamos de século, as posibilidades van medrando, aínda que sexa moi timidamente. O vindeiro 9 de decembro estréase no Auditorio de Galiza, en Santiago, A sombra de Cristal, unha ópera bufa con música de Fernando Buíde, libreto e dirección escénica de Quico Cadaval e dirección musical de Paul Daniel. 

A proposta parte dun encargo de Amigos da Ópera de Santiago que xa en 2017 lle encargara a Cándido Pazó a dirección escénica de Il segreto di Susanna, de Wolf-Ferrari, daquela co Taller Atlántico Contemporáneo. Agora a asociación dá un gran paso adiante encargando unha obra orixinal e colaborando coa Real Filharmonía de Galiza.

"La serva patrona é case un divertimento, de pequenas dimensións, mais que logrou pasar á historia da ópera", di Jesús Couceiro, de Amigos da Ópera de Santiago

Jesús Couceiro, director de Amigos da Ópera explica que “temos unha liña de colaboración coa Real Filharmonía que vén de moi atrás, mais esta idea era unha teima que tiña eu desde hai anos: La serva patrona é case un divertimento, de pequenas dimensións, mais que logrou pasar á historia da ópera. Sometín o proxecto á directiva da asociación e, unha vez aprobado, a receptividade da Real Filharmonía foi absoluta”. 

“A rareza aquí é, precisamente, que é unha ópera que está concibida para acompañar a La serva padrona de Pergolesi”, explica Cadaval. “Tanto no meu libreto como na música de Buíde hai referencias a esa obra, mais pode representarse de maneira autónoma. Pero a gracia está en ver os paralelismos que se crean entre os dous argumentos: en certa maneira é unha relectura, aínda que non se pode chamar tampouco unha versión”. 

Couceiro concorda con este diagnóstico: “Creo que non se debe falar dunha versión, senón máis ben dun diálogo entre o barroco e o século XXI. Aproveitamos as liñas xerais do argumento e as personaxes, mais trátase de darlle unha lectura actual a unha ópera barroca, que por certo, é o período no que comeza a consolidarse a ópera bufa”

Probabelmente, a elección de Quico Cadaval veña dada por esa necesidade de atopar un autor capaz de adaptarse a ese rexistro de comedia sen perder de vista a lectura que a obra pode ter por atrás. “Absolutamente”, declara categórico Couceiro. “Cando comecei a asesorarme, todo me levaba a escoller a Cadaval”.

La serva padrona trata de como a criada Serpina argalla unha argucia para casar co seu patrón, o rico e solteirón Uberto. Na obra escrita por Cadaval, as cousas cambian lixeiramente. “Aparece un personaxe de ficción, un conselleiro da Xunta de Galiza culto, tímido e sensíbel e que non gusta dos eventos multitudinarios. A protagonista feminina é Cristal, a súa xefa de prensa e dona da súa axenda, a que modela a súa actividade pública”, explica. 

Canto á elección da música, Fernando Buíde, ademais de ser un dos compositores con máis proxección na actualidade, tiña ao seu favor a recente experiencia de compor a música de A amnesia de Clío, a ópera producida pola compañía Voadora con libreto de Fernando Epelde.

"Optei por un texto maioritariamente en verso, cunha forma poética algo ridícula, que lle vai moi ben ao xénero bufo", explica Quico Cadaval

“Buíde non só é un gran compositor, senón que tamén é un gran coñecedor das posibilidades da voz cantada, dos rexistos vogais de cada tesitura, algo que non todos os compositores teñen en conta cando se enfrontan a unha ópera”, di Couceiro. 

“O traballo con Fernando Buíde é moi doado, é capaz de poñerlle música a calquera cousa que lle botes. Non me puxo ningunha limitación en canto a forma, e eu optei por un texto maioritariamente en verso, cunha forma poética algo ridícula, que lle vai moi ben ao xénero bufo”. 

“Na ópera, o texto é o que manda”, declara Buíde. “A sombra de Cristal, se a comparo con A amnesia de Clío, proporcionoume a oportunidade de cambiar de rexistro radicalmente. Clío era moito máis dramática e Cristal é unha comedia que a nivel artístico propón un reto moi grande e, ao mesmo tempo, permite moito xogo. O texto de Quico é excelente e moi tolo, ten referencias a Puccini e a Abba, por poñer dous exemplos, e eu recollín ese desafío para reflexar ese mundo na partitura “. 

Tanto Cadaval como Buíde recoñecen, ademais, o papel xogado por Paul Daniel. "Paul, aínda que é un excelente director sinfónico, é un home de ópera, e é capaz de adiantarse a calquera problema loxístico ou musical que vaia xurdir na montaxe", di Buíde.

O futuro da ópera en galego 

O futuro da ópera galega segue sendo problemático. “Poñer en escena unha ópera é moi custoso”, recoñece Buíde, “pero creo que é moi positivo que se empece a normalizar a composición e a montaxe de óperas en galego. Creo que a recepción de Clío demostrou que hai ganas de ver ópera e, sobre todo, de ver cousas novas, de manter vivo o repertorio”. 

"Estamos construíndo o futuro", remata Couceiro, "e necesitamos traballar en dúas direccións: poder ver ópera feita por un equipo galego e poder ver ópera en galego".

Estrea no auditorio de Galiza

A sombra de Cristal estréase no Auditorio de Galiza os días 9 e 10 de decembro. María Hinojosa, soprano, e César San Martín, barítono, xunto co actor Victor Mosqueira, darán vida aos personaxes baseados nos de La serva padrona. A intención é que logo poida levarse a outros escenarios da Galiza 

Comentarios