A Real Filharmonía celebra o seu 24 aniversario cunha xira por Austria

A Real Filharmonía da Galiza (RFG) realizará a vindeira semana unha xira de catro concertos por Austria, na que levará a cabo dous programas diferentes nas prestixiosas salas Grosses Festspielhaus (Salzburgo) e Festspielhaus (Bregenz).
Belén Hernández -primeira pola esquerda-, con Mercedes Rosón, Pablo González e Sabela García. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Belén Hernández -primeira pola esquerda-, con Mercedes Rosón, Pablo González e Sabela García. (Foto: Nós Diario)

A Real Filharmonía da Galiza (RFG) realizará a vindeira semana unha xira de catro concertos por Austria, na que levará a cabo dous programas diferentes nas prestixiosas salas Grosses Festspielhaus (Salzburgo) e Festspielhaus (Bregenz).

Esta xira foi presentada durante a xornada de onte no Auditorio de Galiza, sede da orquestra. Alí estiveron presentes o mestre Pablo González, que dirixirá ambos concertos; a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; xunto á directora técnica da RFG, Sabela García. 

Fiel ao seu lema desta tempada, En movemento, a Real Filharmonía protagoniza con esta a súa segunda xira, logo dunha primeira saída a Xaén a finais de xaneiro e principios de febreiro.

A travesía austríaca comezará o 4 de marzo cunha primeira actuación na sala de concertos e ópera Grosses Festpielhaus de Salzburgo, un dos maiores escenarios do mundo, cuxo auditorio ten un aforo con capacidade para 2.179 persoas. 

Baixo o título Iberia I, a orquestra interpretará varias obras de Manuel de Falla (1876-1946): a Suite nº 1 de El sombrero de tres picos, ou El amor brujo, que soará na voz de María José Pérez. 

Ademais, os músicos achegarán ao público austríaco o Concerto para piano en Sol de Maurice Ravel (1875-1937), da man da recoñecida pianista Claire Huangci.

O segundo programa, titulado Iberia II , interpretarase os días 5 e 6, tamén no Grosses Festpielhaus de Salzburgo, e o día 7 no Festpielhaus de Bregenz. 

Nesta ocasión a Real Filharmonía da Galiza tocará a Sinfonía en Re de Juan Crisóstomo de Arriaga (1806-1826); o Concierto de Aranjuez de Joaquín Rodrigo (1901-1999), coa guitarra de Enrike Solinís; varios fragmentos da Suite Iberia de Isaac Albéniz (1860-1909), orquestrada polo compositor Jesús Rueda; e El amor brujo de Falla, con María José Pérez.

Ademais, o público austríaco terá a oportunidade de escoitar Negra sombra, da poeta galega  máis internacional, Rosalía de Castro, orquestrada para esta ocasión por Octavio Vázquez.

"Un grande éxito"

Na súa intervención, a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández, salientou que "é a primeira gran xira da orquestra fóra da Península Ibérica despois de 20 anos, e á capital por excelencia da música en Europa. Ademais, hoxe, a Real Filharmonía de Galicia cumpre 24 anos, polo que esta xira é como un bonito agasallo". 

Lembrou, do mesmo modo, que a RFG "tivo que competir con outras orquestras do Estado español para poder estar aí, é todo un orgullo", antes de deixar clara a súa "seguridade" en que será "todo un éxito".

Pola súa parte, a concelleira de Acción Cultural do Concello compostelán, Mercedes Rosón, manifestou que esta xira é "unha grande oportunidade para levar ao berce da música o bo facer da Real Filharmonía da Galiza: "Para os músicos é unha tolemia marabillosa coa que van gozar moitísimo. O futuro pode anunciar cousas boas para esta orquestra".

A directora técnica da RFG, Sabela García, agradeceu o apoio das diferentes institucións públicas que fixeron posíbel que a orquestra galega poida levar a cabo esta xira internacional, resaltando que "será unha ocasión importante para facer de embaixadores da cultura galega en Austria".

Comentarios