teatro

'Helen Keller, a muller marabilla?': así é o novo espectáculo de Chévere, que se estrea este mes en Compostela

Creado en coprodución co Centro Dramático Nacional e o Teatre Lliure, o espectáculo trata sobre a posibilidade da rebeldía e a disidencia na nosa sociedade.
Escena de 'N.e.v.e.r.m.o.r.e.', o último espectáculo teatral de Chévere. (Foto: Tino Viz / Chévere).
photo_camera Escena de 'N.e.v.e.r.m.o.r.e.', o último espectáculo teatral de Chévere. (Foto: Tino Viz / Chévere).

Helen Keller, a muller marabilla? é a nova proposta que a compañía Chévere estreará no Salón Teatro de Compostela o vindeiro 15 de febreiro, e que permanecerá en cartel escenario até o día 25 do mesmo mes. Creado en coprodución co Centro Dramático Nacional e o Teatre Lliure, o espectáculo trata sobre a posibilidade da rebeldía e a disidencia na nosa sociedade. En escena estarán Patricia de Lorenzo, Ángela Ibáñez e Chusa Pérez, baixo a dirección de Xron.

"Todo comezou ao descubrir unha muller chamada Helen Keller" explica a compañía. "Nacida en Tuscumbia (Alabama), convértese nunha celebridade mundial ao ser, segundo as fontes oficiais, a primeira persoa xordocega en obter un título universitario en 1904 en Harvard. Polo menos esta é a parte da súa vida que fica na memoria colectiva, como exemplo de superación da discapacidade. E polo que sabemos, a maioría dos seus escritos acaban rescatados como simples aforismos motivacionais.

Pero ao investigar en varios arquivos fomos descubrindo outras facetas desconcertantes da súa vida que son  ocultadas. E o máis sorprendente, nos últimos anos espállase polas redes sociais unha campaña que afirma que Helen Keller é un fake, incluíndo unha petición en charge.org para eliminala da historia". 

Por que se oculta parte da súa vida? A quen lle interesa facelo? Por que queren eliminala da historia? Porque é unha muller, xorda e cega? Porque non se acepta que unha das persoas máis famosas do século XX en EUA sexa comunista? Porque unha muller con discapacidade non se pode converter nunha líder anticapitalista? 

Tamén é un traballo que cuestiona a in-comunicación entre persoas oíntes e non oíntes, explorando as posibilidades de compartir unha conversa aberta no escenario, como unha silenciosa reivindicación da importancia das linguas minorizadas. 

Comentarios