O novo CDG de Fefa Noia abre temporada con ‘Tartufo’ de Molière

Fefa Noia tira de clásicos para botar a andar a temporada do CDG. A primeira produción propia da compañía pública con Fefa Noia á fronte estréase esta sexta feira e permanecerá até o 16 de outubro no Salón Teatro.

tartufo 01
photo_camera Presentación desta mañá de 'Tartufo'

Tartufo’ abre esta sexta 23, ás 21.00 horas, no Salón Teatro de Santiago a temporada 2016-2017 do Centro Dramático Galego (CDG), que elixiu esta coñecida obra de Molière sobre os perigos da impostura e do artificio como primeira produción propia da nova etapa da compañía pública con Fefa Noia á fronte. O valenciano Carles Alfaro dirixe a posta en escena desta versión, que poderá verse en Compostela até o 16 de outubro para iniciar a continuación unha xira por outros nove escenarios galegos.

Con esta montaxe o CDG amplía a seis o número de funcións semanais que ofrecerá na súa sede, que acollerá dous pases matinais concertados con centros escolares os martes e mércores e catro funcións xerais de xoves a domingo (ás 20.30 horas de xoves a sábado, e ás 18.00 horas os domingos).

Fefa Noia subliñou o diálogo artístico interxeracional que se establece no elenco de ‘Tartufo’, do que forman parte 10 actores e actrices elixidos entre os máis de 230 candidatos que participaron no proceso público de selección: xunto a Alejandro Saá no papel de Tartufo, Casilda Alfaro, César Cambeiro, Antela Cid, Xoán Fórneas, Mónica García, Marta Lado, Roberto Leal, Rebeca Montero e Patricia Torres. “Eles dan mostra da boa saúde da interpretación en Galiza, con nomes xa indiscutibles na historia recente da nosa escena xunto a novos valores que teñen moito que dicir”, asegurou.

O valenciano Carles Alfaro dirixe a posta en escena desta versión, que poderá verse en Compostela até o 16 de outubro para iniciar a continuación unha xira por outros nove escenarios galegos.

Tanto o traballo actoral como o do resto do equipo artístico foi gabado tamén por Carles Alfaro, para quen esta é a súa primeira experiencia escénica en Galiza logo dunha ampla traxectoria como director da súa compañía, Moma Teatre, e de numerosos espectáculos para outros centros públicos de produción como Teatro de La Abadía, Centro Dramático Nacional, Compañía Nacional de Teatro Clásico, Teatro de la Zarzuela, Teatro Español en Madrid, Teatro Nacional de Catalunya ou Teatre Lliure.

Para o seu traballo no CDG, o director valenciano contou, ademais, con Baltasar Patiño (deseño de escenografía), Diego Valeiras (vestiario), Anxo Graña (música orixinal), Trini F. Silva (caracterización), Loli Ramos (tradución), Roi V. Ponte (asesoramento lingüístico) e Vanesa Sotelo (asistencia de dirección). 

Comedia lúdica e lúcida

O obxectivo desta versión é conseguir, pois, unha proposta lúcida e lúdica que, desde a comedia, reflicta os claros e escuros da obra orixinal, da ollada “tenra, crítica e burlesca, tamén cara a si mesmo, de Molière”, asegurou o seu director, Carles Alfaro

Este foi, de feito, un dos textos máis controvertidos de Moliére e un dos que maiores problemas lle causou pola súa crítica implícita do xogo de poderes, os falsos devotos e a sociedade das aparencias. Na versión do Centro Dramático Galego, a ambientación cambia a Francia cortesá do Rei Sol pola sociedade dos “felices anos vinte” do século pasado.