Novas visións galegas sobre o cine de culto internacional

Un ciclo no Forum Metropolitano da Coruña reunirá a artistas como Jorge Coira, Xurxo Souto, David Rubín ou Yolanda Castaño para comentar filmes controvertidos como 'Donnie Darko' ou 'The Devil and Daniel Johnston'.   

Luis Tosar e Jorge Coira
photo_camera Luis Tosar e Jorge Coira

“Un obxecto que non é para todos os gustos. Unha toma de postura fronte ao esperanto expresivo propio do obxecto cultural dirixido ao público maioritario. Unha delicatessen de minorías”. Deses tres xeitos define o crítico de cine catalán Jordi Costa aos denominados “filmes de culto”, moitos dos cales poderán ser vistos en pantalla grande neste mes de xullo, todos os mércores e xoves, no Forum Metropolitano da Coruña, onde irán acompañados dunha nova visión galega sobre os mesmos, a cargo de distintas figuras da cultura do país, e un debate. 

Películas controvertidas centrarán esta nova edición do Cineterraza, que baixo o epígrafe de “Cult-Movies. O Cinema Visionario”, arrincará con Chungking Express, de Wong Kar-Wai, cuxo coloquio correrá a cargo da poeta Yolanda Castaño. Lost Highway, do “mestre do culto” David Lynch será a seguinte, coas opinións do debuxante David Rubín. 

Á semana seguinte o ciclo transitará polos territorios musicais de 'The Devil and Daniel Johnston, que contará cun debate coa presenza de Xurxo Souto, que dous días despois volverá aos escenarios con Os Diplomáticos de Monte Alto nun concerto no Club do Mar da Coruña. A violenta La Haine, de Mathieu Kassovitz, estará acompañada dos posteriores comentarios do humorista David Perdomo, mentres que nas semanas seguintes comparecerán o realizador Fernando Cortizo -O Apóstolo- xunto á mítica Reservoir Dogs de Tarantino; o director Jorge Coira -18 Comidas- con Léolo ou a actriz Alba Messa coa onírica Donnie Darko. Filmes de Michael Gondry e David Cronenberg completarán o ciclo. 

Comentarios