Unha nova edición de IlustrarNós celebra o Día da Ilustración en Lugo

O programa inclúe obradoiros de creación de fanzines e charlas de profesionais da ilustración en colexios e institutos.

A deputada de Cultura, Iria Castro
photo_camera A deputada de Cultura, Iria Castro.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo desenvolverá un ano máis o programa IlustrarNÓS, con actividades arredor da ilustración e das artes gráficas en centros educativos. Tomando como punto de partida o Día da Ilustración, que se celebra o día 30 de xaneiro, coincidindo co aniversario do nacemento de Castelao, a área de Cultura desenvolverá un catálogo de propostas coas que pretende ampliar o coñecemento desta expresión artística, das súas técnicas e creadores e creadoras, e fomentar a creatividade entre o alumnado. 

A programación inclúe obradoiros de creación dun fanzine en centros educativos de primaria, charlas a cargo da ilustradora lucense Rebeca Losada en institutos, murais homenaxe a Chichi Campos e Castelao en espazos educativos e un certame de ilustración, aberto á participación de alumnado de distintas etapas educativas, que se desenvolverán ao longo de 2024. 

Lembranza de Chichi Campos

Iria Castro sinalou que "a experiencia das últimas edicións, con moi boa acollida na comunidade educativa, lévanos a dar continuidade a esta programación que pretende mergullar o alumnado na arte da ilustración, e tamén para poñer en valor a obra de creadores e creadoras galegas deste eido, as actuais, que participan na actividades, e as e os que as precederon, como Chichi Campos, a quen se dedica este ano a efeméride, e por Castelao, que inspirou a celebración desta celebración desde 2014". 

En relación con Chichi Campos, a responsábel provincial lembrou "que os fondos de Biblioteca do Museo Provincial de Lugo contan cunha edición de O Campo 70, un libro editado pola Fundación Luis Seoane co gallo da primeira retrospectiva celebrada en trinta anos, e recolle diversos traballos seus: debuxos, bosquexos e textos".  

Comentarios