Benito Vicetto, un autor literario rodeado dun sospeitoso silencio

Unha palestra en Ferrol debate sobre a obra literaria de Vicetto.
benito vicetto foto casal
photo_camera Unha imaxe do acto (Foto: Casal)

Aproveitando o segundo centenario do nacemento de Benito Vicetto, nado en Ferrol o 21 de maio de 1824, a Sociedade Cultural Medulio e a Asociación Ferrolterra Antiga vén organizando unha xeira de mesas redondas e actividades que reivindicarán a súa figura e a súa obra. Dentro deste ciclo, esta terza feira, 7 de outubro, tivo lugar unha palestra na que se debateu sobre a obra literaria de Vicetto, desde a lírica ao teatro, pasando pola narrativa, na que participaron  Pilar García Negro, Elia Rico, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Manuel Rei.

A palestra deicou claro que a obra literaria de Vicetto hai que encadrala dentro da literatura do seu tempo, concretamente da literatura romántica que tiña como motivo a recuperación do pasado medieval, unha tendencia que, seguindo o ronsel das novelas de Walter Scott estaba moi vixente na altura.

Sorprende que as súa novelas apenas teñan hoxe cabida no mercado, cando no seu tempo, Vicetto era un autor moi popular que chegou a ver como algúns dos seus títulos tiñan até oito edicións. "Porén", di Xosé Ramón Freixeiro Mato, "as historias da literatura española [Vicetto escribiu as súas novelas en castelán] nin sequera recollen o seu nome, malia a popularidade de títulos como Los hidalgos de Monforte

Ademais, os poñentes da palestra, coincidiron en que a produción literaria de Vicetto ten un duplo atractivo para o lector de hoxe. Por un lado, é un autor que, por vocación, fai obras de entretemento, que mesmo hoxe son de lectura moi amena.

Por outro, subliña García Negro, "enmarca as súas historias nun Reino da Galiza independente e destaca o enfrontamento ante a submisión ao reino de Castela e os Reis Católicso para trasladar ao século XV conflito político do XIX".

"Ás veces fantasea e pasa por alto o rigor histórico", aclara Freixeiro Mato, "pero non fai nada distinto do que fan outros autores contemporáneos. Fai voar a súa imaxinación literaria en beneficio do entretemento e da exaltación do país, como era habitual entón no xénero".

.

Comentarios