Fervedoiro Gráfico: o enorme potencial da ilustración, hoxe na Coruña

Fervedoiro Gráfico, unha gala organizada por Coruña Gráfica, ten como obxectivo visibilizar os múltiples oficios relacionados coa ilustración e o potencial galego neste campo.
Manel Cráneo.
photo_camera Manel Cráneo.

Paula Esteban, El Primo Ramón, Rodrigo Zayas, Irene Sanjuán, Bento Carroña, Virginia Curiá, Marcos Calo, Xulia Pisón, Álvaro López, Diego Burdío, Alberto Taracido e Patricia Castelao. Son as doce autoras e autores que participarán hoxe -ás 19.30 no Circo de Artesáns da Coruña- no Fervedoiro Gráfico, unha gala organizada por Coruña Gráfica que ten como obxectivo visibilizar os múltiples oficios relacionados coa ilustración e o potencial galego neste campo. 

O autor de BD Manel Cráneo -e creador, desde a súa editorial, Demo Editorial, do proxecto Coruña Gráfica- explica que "se trata dunha especie de pitching levado ao campo da ilustración. Cada un dos invitados terá 5 minutos e 10 imaxes proxectadas para explicar un proxecto, a súa experiencia profesional, o perfil das empresas para as que traballan... de modo que o público poida ver as múltiples caras da ilustración nas que moitas veces non se repara". 

Da Galiza para o mundo

As posibilidades son case infinitas, e as sorpresas, máis que probábeis. Pouca xente sabe, por exemplo que os galegos Marcos Calo e Patricia Castelao traballan como ilustradores para a célebre serie de videoxogos Angry Birds. Ou que moitos ilustradores traballan facendo storyboards para a industria audiovisual. "É un traballo moi ben pagado", apunta o fundador de Demo editorial. 

"Hai moita xente que traballa na Galiza para todo o mundo. Mesmo hai xente de fóra que se estabelece na Galiza para operar desde aquí, como Rodrigo Zayas, un madrileño afincado na Coruña que traballa para as principais editoriais de cómic norteamericanas. Trátase precisamente de visibilizar o potencial que ten o sector, das posibilidades profesionais que ten o sector", indica Cráneo.    

Comentarios