Chichi Campos será rememorado con motivo do Día da Ilustración

A Biblioteca da Galiza acollerá unha mostra do artista.
Acto de presentación da homenaxe a Chichi Campos, esta quinta feira (Foto: Consellaría de Cultura).
photo_camera Acto de presentación da homenaxe a Chichi Campos, esta quinta feira (Foto: Consellaría de Cultura).

O artista Chichi Campos será homenaxeado co gallo do Día da Ilustración, que decorrerá o vindeiro 30 de xaneiro. A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) ten todo preparado para as actividades, entre as que destaca a mostra bibliográfica Xesús Chichi Campos: o humor de trazo elegante na Biblioteca da Galiza, na Cidade da Cultura, en Compostela. Estará dispoñíbel do 30 de xaneiro ao 12 de maio e nela participan artistas como Leandro Barea, Iván Mourente e Idoia de Luxán, entre outras. 

Tamén cómpre salientar a proxección do documental Chichi Campos e mais eu, realizado polo seu fillo Nico Campos. Proxectarase o día 30, ás 18 horas, nas bibliotecas da Xunta da Galiza na Coruña e Pontevedra; os días 29 e 30, ás 18 horas, na Biblioteca Juan Compañel de Vigo, e o 2 de febreiro, ás 19 horas, na Biblioteca da Galiza.

O director xeral de Cultura, Anxo Lourenzo, que participou na presentación da homenaxe xunto a Nico Campos e a presidenta da AGPI, Laura Romero, destacou as iniciativas para lembrar Chichi Campos, “un home que fixo moitas cousas en apenas 39 anos de vida”. 

A programación das bibliotecas completarase con obradoiros, contacontos e exposicións, con eventos xa fechados nas principais cidades galegas a finais de xaneiro e a comezos de febreiro, como é o caso da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Compostela e Vigo. 

Escolas de Arte

Ademais, a conmemoración do Día da Ilustración tamén se completará con variadas citas nas escolas de Arte Superior de Deseño da Galiza. A Pablo Picasso da Coruña organiza o obradoiro O libro obxecto: cando todo conta da man de Nuria Díaz o 1 de febreiro, a Ramón Falcón de Lugo opta polo taller Autoedición e autoxestión da túa obra con Bernal Prieto o día 30, e a Antonio Faílde de Ourense organiza un taller de ilustración e animación para redes sociais con Carmen Pintos e o coloquio Chichi Campos e a importancia da autoedición durante o franquismo con Nico Campos o 30 de xaneiro.

Comentarios