domingo 25/10/20
Entre o 26 e o 30 de outubro no Teatro Principal de Compostela

Nova edición do festival de Amal para combater "a pandemia do fanatismo"

O Festival de Cinema Euroárabe Amal volve un outono máis a Compostela, a pesar da crise provocada pola Covid-19, para combater, di o seu director Ghaleb Jaber, “a pandemia da ignorancia e do fanatismo a través da única vacina que existe: a cultura". Esta 18ª convocatoria, que decorrerá entre os días 26 e 30 de outubro, tense que ver reducida no número de proxeccións, que pasan de 10 a cinco, e que se van desenvolver no Teatro Principal, onde estarán dispoñíbeis 60 butacas.
EuropaPress_3375341_presentacion_festival_amal_2020
Presentación da edición 2020 do festival de cinema Amal. / E. P.

O primeiro dos filmes que se vai proxectar é de orixe palestina e leva por título It must be heaven, do director Elia Suleiman. A sesión da terza feira estará protagonizada polo documental Gaza, dos irlandeses Garry Keane e Andrew McConnell, onde se retrata o día a día da cidadanía que habita o epicentro do conflito palestino-israelí.

Na cuarta feira inicia a quenda das mulleres, xa que se proxecta o filme marroquí Adam, ópera prima de Maryam Touzani onde se aborda a capacidade da sociedade para exercer como “escudo protetor”. Novamente volve o documental, con The Cave na quinta feira, un traballo premiado como Mellor Documental nos Óscar de 2019 e que retrata o rol das mulleres médicas na guerra de Siria. A xornada de clausura correrá a cargo da proxección Tel Aviv on fire, unha reflexión sobre o conflito palestino en chave de humor. 

Ademais das sesións, en horario de 22 horas a un prezo de 3 euros, o festival compleméntase este ano coa inclusión dun apartado específico na plataforma Filmin, onde poderán verse 20 das películas que pasaron por Amal nestes 18 anos. Tamén segue adiante a "terceira pata" do certame, como definiu Ghaleb Jaber, a semana gastronómica de temática árabe que acolle o restaurante Caney.

Na presentación do festival, o presidente da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber, estivo acompañado polo alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, e polo secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo. "É unha enorme satisfacción que se manteña esta programación e que nun ano tan atípico como este se poidan manter os tres festivais de cinema da cidade", dixo o alcalde santiagués, en referencia a Curtocircuíto (clausurado o pasado domingo), a Amal e a Cineuropa, que decorre cada ano no mes de novembro.

Pola súa banda, o responsábel de Políticas Culturais da Xunta tamén enxalzou que o festival continúe un ano "no que o máis fácil sería non facelo", polo que mostrou o seu aprezo diante do  compromiso dos promotores de "manter a cultura viva".

comentarios