Coordinador do coleccionábel "Confín dos verdes castros e valeroso clan!"

Felipe-Senén: "Nin a celtofilia nin a celtofobia axudan: Galiza é vértice que emproa ao Atlántico"

Felipe-Senén López Gómez (O Carballiño, 1948) coordina o novo coleccionábel que lanza 'Nós Diario' esta terza feira, 1 de xuño, ao redor dos castros baixo o título "Confín dos verdes castros e valeroso clan!", tomando prestada parte da letra do himno nacional, de Eduardo Pondal. Con motivo da publicación, de 18 entregas, de terza a sexta feira, conversamos co arqueólogo e museólogo sobre os castros e a cultura castrexa.
Felipe-Senén, no castro de San Cibrao de Las. (Foto: Laura Barcala) #felipesenén #castros #castro #sancibraodelas #coleccionábel #confíndosverdescastrosevalerosoclan! #nósdiario #galiza
photo_camera Felipe-Senén, no castro de San Cibrao de Las. (Foto: Laura Barcala)

—Por que é necesario volver ao mundo dos castros? Muda tanto o coñecemento sobre o que se dá en chamar "cultura castrexa" por medio das escavacións e investigacións?

É un tema ao que volver sempre, na medida das novas pescudas e da madurez da ciencia arqueolóxica e da museoloxía. Trátase de poboados cunhas características defensivas e culturais moi definidas nestes confíns do mundo antigo, pese á aculturación sufrida pola romanización. Son asentamentos que chamaron a atención dos precursores arqueólogos, desde a Ilustración ao Romanticismo e ao Modernismo, para constituír sobre estas orixes a orixinalidade na que radica unha identidade clasificada como "céltica", daquela en relación co Panceltismo occidental atlántico, cos hillforts británicos e galos... dunha maneira similar ás pescudas identitarias xermanistas, nórdicas e mediterráneas. E, arredor disto, vellos e novos mitos.

—Baixo a denominación xenérica de castros, hai toda unha serie de tipoloxías de asentamentos que non sempre distingue o gran público (cidades, santuarios...). Que podemos atopar nas fortificacións do mundo castrexo?

Cómpre precisar a época, é dicir, a orixe de cada un destes recintos murados. Os máis antigos datan de finais da Idade do Bronce, do século VI antes da nosa era, fundamentalmente da Idade do Ferro e mesmo da Romanización, até a Alta Idade Media. Necesítase igualmente determinar a súa economía, moi en relación coa minaría e a metalurxia, e tamén agraria, gandeira, así como distinguir os seus fins, cando non todos son castros ou teñen a categoría de oppiduns, civitas: poboacións defensivas, refuxio, outros santuarios ou mesmo simples coutos murados, curros para ameixoar o gando... cun rico legado mítico en relación cos devanceiros, cos "mouros" (os que "memoran" do verbo latino moneo), cos tesouros...

—Ten feito moito fincapé en que estudar os mundos dos castros implica non só mirar para a Galiza actual, senón ao norte de Portugal, Asturias, León... Realmente, existían uns límites claros ao redor da cultura castrexa?

De non ser así, de non reconstruír o mapa da Gallaecia, os resultados sempre estarán eivados e a historia será parcial. Os mellores museos do mundo castrexo e da romanización da Gallaecia son o Museo Arqueolóxico de Braga e o Museo Arqueolóxico de León. A interacción e a interactividade será símbolo de madurez na Arqueoloxía e na Museoloxía como ciencias e como potenciación destes recursos.

—Defende que é fundamental para avanzar no coñecemento do noso pasado atender as investigacións en Portugal. Van máis adiantados que nós?

Existe tamén en Portugal un centralismo lisboeta, de feito o Museo Arqueolóxico de Lisboa é fundamentalmente da Gallaecia (parte Bracarense). Entendo que en Portugal teñen máis camiño andado nisto da cultura castrexa e nótase. Foron un referente nos coidados das súas orixes. Cómpre contrastar tamén cos traballos e publicacións realizados en Asturias, no Bierzo e mesmo en Cantabria, non só en resultados de escavacións arqueolóxicas, senón na explotación dos asentamentos como recursos culturais e turísticos, os que implican un amplo centro de recepción de visitantes, coa conseguinte información, servizos, interpretación, libraría, recordos, restaurante... onde estar, aprender, esperar... en días chuviñosos e soleados, aptos para todos os públicos.

—Non podemos esquivar a pregunta sobre o celtismo, os celtas e a súa relación cos castros. Para un público non iniciado, cal é fondo -e a forma- do debate que hai sobre o pasado celta da Galiza?

Os cronistas romanos chamaban os seus outros habitantes deste vértice de Iberia celtas, un feito reafirmado por epígrafes nos que cidadáns da Gallaecia presumen de celtas. Son salientábeis aquí os sufixos brig (equivalente a castro), verba de orixe indoeuropea, prelatina. Ademais, os torques, que tanto abundan na Galiza, son insignias deste pobos celtas, igual que as arracadas, as decoracións xeométricas, os ritos, o panteísmo... 

Son herdos orientais, indoeuropeos, e pese á fonda romanización e á cristianización, perviviron nun singular modo de hibridación, na liña do referido panceltismo do que tanto gustaban Risco e Cuevillas, mirándose no espello irlandés máis que no xermánico. Nin a celtofilia nin a celtofobia axudan: Galiza é vértice que emproa ao Atlántico, cara ao que sempre abriu portos e camiños.

—No coleccionábel preséntanse 17 castros escavados da Galiza. Debería haber máis escavacións garantindo a catalogación e conservación do descuberto? Pérdese información por non ter uns obxectivos máis ambiciosos? Hai que ter en conta que, na práctica, hai poucas escavacións en relación á gran cantidade de castros.

Non son partidario das escavacións arqueolóxicas, a non ser onde estea garantido o seu futuro, pois entendo que cómpre unha infraestrutura previa elemental: museos con espazos adecuados e profesionais da conservación, da documentación, do estudo, da exposición... 

Considero prioritario para todo xacemento arqueolóxico a catalogación e a implicación do Concello como Administración inmediata na súa salvagarda e na vixilancia fronte ás reformulacións viarias e agrarias, fronte ao vandalismo... É necesaria unha coordinación entre as Administracións. Faise urxente a deforestación total destes, xeralmente cubertos de arborado que, coas raiceiras, destrúen estratos, estruturas e obxectos soterrados. 

Considero modélicos ao respecto os hillforts británicos e galos. Hai moito camiño aínda que andar na maduración das ciencias da Arqueoloxía e da Museoloxía. Quizais no futuro teñan mellores medios para aquel entón. Por iso creo que, hoxe por hoxe, hai que reservar estes espazos e materiais, pois do contrario córrese o risco de perdelo todo.

Comentarios