sábado 06.06.2020

Neofalantismo para revitalizar o galego

O fenómeno é observado como un "momento histórico a superar" por Fernando Ramallo, un dos coordinadores do libro Neohablantes de lenguas minorizadas en el Estado español
Fernando Ramallo
Fernando Ramallo

Fernando Ramallo, docente do departamento de Tradución e Lingüística e director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, coordina xunto a Estíbaliz Amorrortu, da Universidade de Deusto, e Maite Puigdevall da Universitat Oberta de Catalunya, do libro Neohablantes de lenguas minorizadas en el Estado español. O estudo coloca as casuísticas que agroman no territorio estatal no proceso de neofalantismo en galego, éuscaro, catalán e aragonés.

Loxicamente, cada contexto presenta distintas características e desafíos. No caso euscaldún, por exemplo, non adoita producirse un reemprazo da lingua inicial, á contra do que acontece no galego ou, en menor medida, no valenciá, explica Ramallo.  

O tempo do neofalantismo

Moitas das investigadoras coinciden en sinalar que estamos ante o "tempo do neofalantismo", mais é este un período condenado a ser limitado. Ramallo declara que, na súa opinión, o fenómeno "deixará de existir na medida en que esas novas falantes transmitan a lingua á súa descendencia, que será ademais diferente ao galego tradicional". Isto, se as condicións son atinadas e as neofalantes producen unha mudanza do status quo.

En calquera caso, será un "período histórico breve", que dure "unha ou dúas xeracións". O docente agarda que "dentro de 100 anos non existan neofalantes máis alá da referencia ao papel que xogaron na revitalización do galego no pasado". Observa o fenómeno como esperanzador, "chamado a contribuír á recuperación da nosa lingua como un elemento moi importante de cara ao futuro", aínda que, por suposto, non o único. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

comentarios