Máis

Navegar coa música

O Osa do Mar regresa coa canción a Burela
nosphotoxove2
photo_camera Grande Amore na última edición do Osa do Mar en Burela. (Foto: Nosphotoxove)

A festa da música alternativa regresa a Burela (comarca da Mariña) nesta primeira fin de semana de setembro. Hoxe arrancan as xornadas na praza do Concello cunha programación orixinal e divertida que busca reivindicar os grupos emerxentes, pondo o foco nas bandas galegas.

Con isto en mente, o Osa do Mar contempla un cartaz cheo de estilos diversos que se estrea coa música de autor de Oscar Fedez & Leo Salinas, o punk de Shego, a visión da música tradicional das Fillas de Cassandra, o estilo experimental de _Juno ou o rock de Sexy Zebras. Mañá a festa segue desde cedo cunha sesión vermú con cata incluída a cargo da cantante de folk galega Catuxa Salom, do músico de rock Ángel Stanich e do DJ Mr. Fishman.

Alén dos sons festeiros, o Osa do Mar aposta por unha oferta cultural o máis integral posíbel incluído este ano por vez primeira un roteiro que procura pór en valor o patrimonio mariño do lugar cunha viaxe a través dos cons. Así mesmo, a zona da Moncloa acolle a gravación do podcast Escenario Principal con Carlangas, que tocará á noite, como convidado.

Pola tarde, Caamaño & Ameixeiras, Batuko Tabanka e Bala & Lúa Mosquera soben ao Barco Museo para facer soar a música desde o mar e pór en valor a tradición boniteira do concello. Á noite, seis concertos fecharán esta edición do festival organizado pola asociación cultural Fanto Fantini.

Malia todo, esta ano queda aínda unha última sorpresa porque o domingo día 3 a rapazada sobe ao escenario nunha mostra da canteira de artistas do lugar. Un festival de música, cunha liña de deseño gráfica moi coidada, que reivindica os grupos pequenos e deixa tras de si o sabor do mar e as ganas de seguir vibrando.

Comentarios