CONTRACULTURA

Carlos Pereiro, 'Carlangas': "A escena galega é moi especial e auténtica, non está atada ás tendencias globais"

Carlos Pereiro, 'Carlangas', presenta o seu primeiro disco en solitario.
'Carlangas' é o título do novo disco así como o nome artístico de Carlos Pereiro. (Foto: Cedida)
photo_camera 'Carlangas' é o título do novo disco así como o nome artístico de Carlos Pereiro. (Foto: Cedida)

Carlos Pereiro, mellor coñecido como Carlangas, publica o seu primeiro disco en solitario, titulado co seu nome artístico para dar inicio a unha nova etapa. O artista reflexiona sobre a creación musical, sobre as colaboracións dentro deste mundo e sobre a xira de presentación do traballo. 

Cando se separou Novedades Carminha, xa tiña idea de iniciar este proxecto en solitario?

Para nada. A disolución foi unha sorpresa para min, polo que isto foi xurdindo despois. Eu facía música antes de comezar no grupo e vouna seguir facendo despois, é algo que teño aí e que non depende tanto dun proxecto. É certo que pasei unha época bastante triste, mais por iso tamén aproveitei este disco para ir remontando e como unha escusa para poder xuntarme con amizades e persoas coas que coincidira nos últimos anos e comezar a producir este disco. 

Se o vexo en perspectiva, identifico claramente os momentos nos que me vou poñendo contento. Foi un proceso de curación e o propio disco é como unha colaxe con moitas propostas, unha busca do que vai ser Carlangas a partir de agora. Aínda que sexa un proxecto en solitario, sempre vin a música como algo social. Encántame ir con xente a concertos e falar de discos, e tamén como artista desfruto moito colaborando con xente, por iso este traballo é así. As cancións son miñas, mais sempre están vistas desde distintas ópticas. 

Precisamente, en Carlangas conta con outros cantantes en tres temas, pero tamén hai máis artistas que poñen as súas guitarras, coros ou ideas.

E así vai ser sempre neste proxecto. Non me gusta facer música só, prefiro estar acompañado de xente que vibra na mesma frecuencia ca min. Por iso, aínda que hai colaboracións con cantantes, tamén hai moitas achegas de artistas que pasan pola miña casa ou polo estudio, porque ao final, por pouco que sexa, todo o mundo aporta algo e para min é algo moi valioso. Sempre estou encantado de abrirlle a porta á xente para que poida participar. Para este traballo, aínda que eu son guitarrista e baixista nalgúns temas, preferín pedirlle a outras amizades que fixesen algunhas das guitarras. É un proceso bastante colaborativo que tamén me axuda a ir atopando unha linguaxe do que quero que sexa Carlangas. 

Segue no rock, mais tamén engade outros ritmos. Foi unha decisión natural ou planificada?

Eu veño do rock e sigo estando aí porque para min é algo cultural. Medrei escoitando discos de rock e sempre queda ese pouso. Con todo, si que me apetecía viaxar, ver que me podía aportar outros ritmos e linguaxes. No disco hai cancións que están máis próximas ao que se pode esperar de min, como "Los dineros" o "Regalao", porque teñen un formato de rock e seguramente ese sexa o camiño a seguir no futuro. É onde me sinto máis na casa. Con todo, tamén creo que está moi ben probar cousas novas, é unha aprendizaxe moi bonita e, artisticamente, unha amplitude moi interesante o proxecto. De feito, tamén é algo que desfruto escoitando cando o fan outros grupos. 

Na xira de presentación, que durará até setembro, estará na Galiza e en diversos puntos do Estado. Cales son as expectativas?

Sempre digo que para min o directo é unha especie de ritual e, no fondo, tamén é a miña gasolina. Cando estou compondo sempre penso en compartir os temas coa xente e iso fágoo a través dos discos, mais sobre todo nos directos, porque é cando nos miramos aos ollos directamente. É un momento no que podes despreocuparte de todo, no que simplemente estás escoitando música, bailando e xerando unha conexión coa xente. E isto, polo que me toca vivir como público, mais tamén como artista. Criamos que unha xira de festivais ía ser un bo arranque e esperemos que así sexa. Eu teño moitas ganas e estou tan nervioso como se fose a primeira cousa que lanzo na miña vida. Este tamén é un bo momento para nós a nivel de repercusión e eu sempre estou alerta do que vai saíndo, porque a escena galega é moi especial. Non está atada as tendencias globais, senón que a xente se está buscando todo o tempo. É moi auténtico.  
 

Comentarios