O sábado na Coruña

Nani García presenta variacións jazz da súa música para cinema

A traxectoria do pianista e compositor Nani García (A Coruña, 1955) abala entre dous territorios: o do jazz e o do cinema. Fúndense no seu último disco, Cinematojazzía, que este sábado, 3 de febreiro, presenta no Garufa Club, da Coruña.

nanigarcia-bn2_preview
photo_camera Nani García (á dereita) con Simón García (no centro) e Miguel Cabana.

Distritojazz-jazz-discos-Nani-Garcia-Trio-Cinematojazzia-620x620

“Este proxecto explora de forma moi concreta o melting pot resultante de melodías extraídas de bandas sonoras ou teatro colocadas nun contexto jazzístico”, sinala o músico nas notas interiores da obra. Ese contexto, conformado por un trío de piano, contrabaixo (Simón García) e batería (Miguel Cabana), veráse enriquecido por un cuarteto de corda, dous violíns (Eduardo Coma e Lázaro Wilman), viola (Raymond Arteaga) e cello (Luís Enrique Caballero).

“Non renunciamos á emocionalidade que supón o acompañamento sempre expresivo da corda, tan afín ao mundo da música no audiovisual”, engaden. Entre as partituras de García para filmes e teleseries salientan as de As leis de Celavella ou Pratos combinados, e de fitas como De Profundis -a animación de Miguel Anxo Prado- ou Unha muller fantástica, dirixida polo chileno Sebastián Leilo e nominada este ano ao Oscar á mellor película estranxeira.

Nani García é unha das figuras pioneiras do jazz galego. O seu proxecto Clunia Jazz, con Baldo Martínez e Fernando Llorca, abriu camiños para o xénero en Galiza.

O Nani García Trío, a base do concerto que ofrecerá este sábado, ás dez e media da noite e con entrada a 12 euros, no Garufa Club da Coruña, contribuíu á renovación jazzística e, din desde a súa oficina de prensa, “vai máis aló dos estándares propios do jazz convencional e apostan por unha estética integral e contemporánea”.

Nota: cuberta de Cinematojazzía, do Nani García Trío.

Comentarios