venres 30/10/20

‘Nación’ de Margarita Ledo estréase no Festival de Cinema Europeo de Sevilla

Posteriormente, o filme da produtora Nós Produtora Cinematográfica Galega percorrerá diferentes festivais para logo chegar ás salas de cinema.
'Nación' de Margarita Ledo Andión
'Nación' de Margarita Ledo Andión

O festival de cinema europeo de Sevilla acollerá o vindiero 10 de novembro a estrea de ‘Nación’, o filme de Margarita Ledo, cuxo tráiler presentouse nas redes sociais esta fin de semana.

A peza é un filme de non ficción onde a directora e guionista relata a apertura ao mundo que supuxo para as mulleres en medio de tempos convulsos o acceso ao emprego industrial a través das enérxicas e carismáticas mulleres da fábrica de cerámica de A Pontesa.

Así, na propia descrición da película polo festival de Sevilla indican “Margarita Ledo constrúe un relato emocionante, combativo e poético dunha loita aínda hoxe inconclusa”. A película de Ledo retrata a especia fraxilidade das mulleres nunha clase obreira xa matratada, a partir das experiencias ao longo dos 50 anos dun grupo de mulleres traballadoras na fábrica Pontesa de cerámica (hoxe pechada). Conta ademais cunha banda sonora creada por Mercedes Peón.

En palabras da propia directora: “un filme que trata do moito que tardamos as mulleres en ter dereitos, non só en votar se non en acceder ao traballo asalariado e a posibilidade de ser independentes. En resumo de sermos nación”

A partir de agora o filme da produtora Nós percorrerá diferentes festivais para logo arribar ás salas de cinema.

As localizacións da produción inclúen o Castro (Sada), Pontesampaio (Pontevedra), Noalla, Illa Lobeira, Castro de Rei, Vilaboa e Compostela. Ademais da dirección e o guión de Ledo, Nación contou con Alberte Branco como director de fotografía.

A idea orixinal do filme parte de 2015 e vén respaldada polo premio Luísa Villalta da Deputación da Coruña a “ideas e proxectos audiovisuais pola igualdade”, ademais de figurar entre os proxectos escollidos por Agadic para a súa liña de axudas á produción audiovisual.

A anterior longa de Margarita Ledo (Castro de Rei, 1951) data de 2012 e titulouse A cicatriz branca. Foi a súa primeira incursión na ficción, e fíxoa para reflexionar sobre a emigración galega a América e as mulleres.

comentarios