Estrea do tráiler de ‘Nación’, o novo filme de Margarita Ledo

O cuarto filme de Ledo Andión “conta a historia das mulleres galegas que conseguen facerse un oco no tecido industrial, a súa relación co campo, a súa memoria, a súa fortaleza”. Tráiler no interior

'Nación' de Margarita Ledo Andión.
photo_camera 'Nación' de Margarita Ledo Andión

Este domingo presentouse a través das redes sociais o tráiler de Nación, um sítio onde pousar a cabeça, a cuarta longametraxe de Margarita Ledo Andión.

Un filme de non ficción con banda sonora de Mercedes Peón e cuxo título evoca un verso do poeta portugués Manuel António Pina. No filme agóchase unha historia de intimidade que desde Nós Produtora Cinematográfica Galega definen como a propia “da muller operaria que, dende o agro e o mar, accede ao traballo industrial”.

As localizacións da produción inclúen o Castro (Sada), Pontesampaio (Pontevedra), Noalla, Illa Lobeira, Castro de Rei, Vilaboa e Compostela. Ademais da dirección e o guión de Ledo, Nación contará con Alberte Branco como director de fotografía.

A idea orixinal do filme parte de 2015 e vén respaldada polo premio Luísa Villalta da Deputación da Coruña a “ideas e proxectos audiovisuais pola igualdade”, ademais de figurar entre os proxectos escollidos por Agadic para a súa liña de axudas á produción audiovisual.

A anterior longa de Margarita Ledo (Castro de Rei, 1951) data de 2012 e titulouse A cicatriz branca. Foi a súa primeira incursión na ficción, e fíxoa para reflexionar sobre a emigración galega a América e as mulleres.

Antes estreara os documentais Santa Liberdade (2004), sobre o heroico secuestro do paquebote Santa María para combater franquismo e salazarismo, e Liste, pronunciado Líster (2007), sobre o histórico comunista e militar antifascista galego.

Comentarios