Nacho Mora recorre ao micromecenado para “Entre as zocas e os lóstregos”

Con “Entre as zocas e os lóstregos” o músico Nacho Mora leva á canción poemas de Celso Emilio Ferreiro, Miro Villar, Pondal, Cunqueiro, Ana Romaní ou Baldo Ramos. Para a súa publicación botou a andar unha campaña de financiamento colectivo. 

Nacho Mora
photo_camera Nacho Mora

Eduardo Pondal, Celso Emilio Ferreiro, Ana Romaní, Baldo Ramos, Miro Villar, Ramón Cabanillas, Estíbaliz Espinosa, Álvaro Cunqueiro ou  Uxío Novoneyra son algúns dos autores e autoras aos que Nacho Mora porá música no seu novo proxecto “Entre as zocas e os lóstregos”. 

Afincado en Madrid, Nacho Mora ten participado en bandas como Los Covers, Elephant Band ou MEU e dá un xiro agora a súa traxectoria para reinventar a fórmula xa clásica de tornar poemas en cancións. Trátase tamén do seu regreso á canción na nosa lingua, despois de partillar en Madrid do seu outro proxecto Hermosa Beach. 

Músicos como Xel Pereda, Luís Rodríguez, Abraham Boba e Manuel Molina colaboran con Mora en “Entre as zocas e os lóstregos”, gravado en Xixón e producido por Xel Pereda.  

Do novo traballo editarase unha exclusiva tirada de 300 copias en vinilo e 500 cds que se poden conseguir como recompensa pola participación no crowdfunding. A campaña leva acadado máis do 60% do financiamento que precisa con máis de cen mecenas. Como adianto, Nacho  Mora ofrece a musicalización do poema  “Illas Lobeiras” de Miro Villar.

Comentarios