A directora xeral de Patrimonio eludiu contestar sobre as irregularidades de Tragsatec

Segundo puido saber 'Nós Diario', o BNG vai pedir a comparecencia de María del Carmen Martínez Insua.

María del Carmen Martínez Insua, durante a súa toma de posesión (Foto: Xunta).
photo_camera María del Carmen Martínez Insua, durante a súa toma de posesión (Foto: Xunta).

As reaccións á anulación por parte do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) da externalización de servizos de Patrimonio a unha filial de Tragsa, Tragsatec, non se fixeron esperar. 

Deste modo, fontes do Bloque Nacionalista Galego (BNG) consultadas por Nós Diario confirmaron que van pedir a comparecencia de María del Carmen Martínez Insua, directora xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Educación.

A súa figura leva na diana desde que fose retratada pola nacionalista Mercedes Queixas na Comisión 4ª de Educación e Cultura que se levou a cabo o pasado día 2 de xuño de 2021 no interior do Parlamento da Galiza.

Alí, Queixas sinalou que "desde o ano 2018" viñan sucedéndose "de modo concatenado e ininterrompido" unha serie de ofertas de contratación á empresa pública Tragsated desde Patrimonio "por unha serie de traballos sempre coa mesma literalidade ‘servizo técnico cualificado para análise e informe das intervencións en bens de interese cultural’.O DOG dá conta de até sete procesos de contratación desde 2018 con estas palabras, o primeiro no mes de xullo dese ano por un importe superior a 250.000 euros para unha temporalidade de seis meses e o último foi o 31 de decembro de 2020 tamén por seis meses. O total supera o millón e medio de euros destinado a estes proceso de análise e elaboracións de informes en BIC e bens catalagados", engadiu.

A maiores, Mercedes Queixas deixou claro que Tragsatec é unha empresa "de fins agrarios que está especializada en cousas como concentracións parcelarias e non en cuestións que requiren alta especialización", así como que "o persoal traballador de Tragsatec emite informes a distancia, pois non visita as obras das que ten que elaborar os informes, cousa que si que fai o persoal da Consellería de Cultura".

Todo isto, definiuno no seu conxunto como "unha aposta deliberada e convencida por unha externalización sistemática dun traballo que pertence ao funcionariado acompañada por unha certa arbitrariedade nas cifras e no tipo de traballos".

Na súa resposta na Comisión, Martínez Insua botou balóns fóra, limitándose a  defender a valía do persoal de Tragsatec e a indicar que tiñan "un problema coas baixas prolongadas" e cun "volume de documentos de entrada que se incrementa ano a ano". 

Comentarios