A Xustiza anula a externalización de servizos de Patrimonio a unha filial de Tragsa

Golpe ao Goberno galego: o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza di na súa sentenza que non se pode delegar en Tragsatec a realización dos informes para autorizar obras.

 

Visita institucional ás excavacións da Illa de Areoso (Xunta da Galiza)
photo_camera Visita institucional ás excavacións da Illa de Areoso (Xunta da Galiza)

Hai practicamente un ano a CIG presentaba un recurso na sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) contra a Consellaría de Cultura por realizar reiteradas encomendas de xestión que ascenden a 1.685.904 euros desde 2018.

A organización sindical xudicializaba a externalización de servizos por parte da Administración galega no ámbito de Patrimonio, logo de que profesionais do sector da arqueoloxía denunciasen en varias ocasións a contratación de persoal á empresa pública estatal con sede en Madrid Tragsatec, filial de Tragsa, para a elaboración dos informes sobre o impacto das obras que afectan a bens do patrimonio cultural. 

Como sinalara no seu momento a Nós Diario o arqueólogo Julián Bustelo, o asunto radica en que "no canto de crear novas prazas de funcionariado o que se fai é encomendarlle a Tragsatec o traballo que este persoal debería asumir". 

Ademais, criticaba que "o traballo, que debería desenvolver unha persoa logo de superar un proceso selectivo determinado" rematase "noutra que é contratada por unha determinada compañía de modo discrecional, pois o que fai a Administración con esas encomendas a Tragsatec é librarse dos procesos de licitación que doutro modo debería levar a cabo".

Golpe ao Goberno galego

Agora, a Xustiza conclúe que non se pode delegar en Tragsatec a realización dos informes para autorizar obras, pois desminte que sexa certo que a Administración non conte "con medios propios suficientes", pois tal e como reflicte o TSXG na sentenza a lista de substitución de arqueólogos "estaba conformada en febreiro de 2021 por 132 aspirantes a ser contratados", razón pola que "a insuficiencia de medios humanos dispoñíbeis" é un "feito desvirtuado".

Tamén confirma a falsidade de que, polo contrario, Tragsatec si contase con eses medios, pois "da proba documental practicada despréndese que dos 17 traballadores destinados por Tragsatec a esta encomenda que nos ocupa, tan só unha, a coordinadora dos traballos, era parte do cadro de persoal indefinido da empresa. Os 16 empregados restantes foron contratados temporalmente 'ad hoc' para a encomenda e non formaban parte do cadro de persoal, sendo contratados ao amparo da modalidade de obra ou servizo determinados ou baixo contrato en prácticas". "Este feito demostra a falta de veracidade do informe de suficiencia de medios achegado por Tragsatec cando afirmaba que a sociedade contaba dentro do seu cadro de persoal con persoal técnico de cadro acorde co especificado no encargo", engade o TSXG na sentenza. 

Este, ademais, apunta que, a "actividade de informe era susceptíbel de ser desenvolvida con empregados públicos, tanto funcionarios de carreira como interinos", e que Tragsatec "non ten" entre as súas funcións facer eses informes. Por todo iso estimaron o recurso contencioso-administrativo da CIG contra a resolución  de 21 de decembro de 2020 da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e anularon a encomenda de xestión a Tragsatec.

Comentarios