A música popular galega segue en caída libre

O Observatorio da Cultura Galega vén de publicar un informe con datos sobre o panorama musical galego, que adiantan unha pequena melloría en canto á música clásica, pero non se albisca ningunha melloría na música popular.

Resurrection_Fest_2013_-_Trivium
photo_camera Imaxe do Resurrection Fest [Foto: Fran Velasco] Abaixo: táboa publicada no estudo do CCG

O estudo A música en Galicia, o último Documento de Traballo do Observatorio da Cultura Galega, amosa unha pequena melloría en canto á música clásica, categoría na que se incrementou o número de concertos, asistentes e recadación, co que se rompe coa tendencia á baixa dos últimos anos. En 2015 realizáronse 1.135 concertos de música clásica (14 máis que en 2014), aos que asistiron 253.599 espectadores (17.521 máis que o ano anterior) e a recadación situouse en 1.030.670 euros, o que supuxo un incremento dun 30%.

Ese avance non se traslada á música popular xa que continúa á baixa no número de concertos, espectadores e recadacións. En 2015 houbo 3.646 concertos (en 2014 foron 3938), asistiron 945.041 espectadores (o ano anterior 1.011.270) e recadaron 5.744.517 euros (351.872 euros menos que en 2014). 

Desde o último Xacobeo os datos relativos á música clásica no noso país amosaron unha tendencia á baixa. Segundo as cifras do 'Anuario de las artes escénicas, musicales y audiovisuales 2016', o Observatorio constata no seu último documento de traballo unha pequena melloría nos últimos datos dispoñibles, que datan de 2015. Hai máis concertos (1150 fronte a 1136 do ano anterior), un aumento no número de espectadores (253.599 fronte a 236.087) e unha suba notoria na recadación, que pasa de 763.565 a 1.030.670 euros, o que supón o 2,7% da recadación total no Estado. Con todo, Galiza segue no sétimo lugar en número de concertos, por detrás de Valencia, Madrid, Andalucía, Cataluña, País Vasco e Castela e León. O gasto medio por habitante sitúase nese ano en Galiza en 0,38 euros (en 2014 era de 0,28). 

Sen recuperación na música popular

A música popular goza de peor saúde e, segundo as cifras contabilizadas no 'Anuario de las artes escénicas, musicales y audiovisuales 2016', hai un menor no número de concertos, espectadores e recadación. En 2015 houbo 3.646 concertos (en 2014 3.938), asistiron 945.041 espectadores (en 2014, 1.011.270) e recadáronse 5.744.517 euros (en 2014 6.096.389). Con todo, houbo máis espectadores por concerto, o que permitiu incrementar lixeiramente a recadación por concerto (de 1548,1 a 1576) e o gasto medio por espectador (de 6,0 a 6,1).

recadacion-musica

O 81,9 % dos concertos realizados en Galiza corresponden con estilos musicais de pop e rock, que contaron con 625.000 espectadores. Séguenlles os de música folk, que atraen ao 9,3 % do público e se sitúan 7,2 puntos por riba da media estatal, cun 4,7%. 

Con respecto á recadación, segundo o Observatorio, en 2015 prodúcese unha creba con respecto á melloría rexistrada en 2014, cando se inverteu a tendencia baixista iniciada a partir de 2010 e que era común a Galiza e a España. Fronte aos 6.069.389 euros de 2014, recadáronse 5.744.517 euros. Son 195.000 euros menos e sitúase no 3,1 % da recadación total no Estado. O gasto medio por espectador é de 6,1 euros, 3,5 menos que a media estatal e case o dobre do que se gastaba en 2010 (que era de 3,6 euros).

Os reis da música folc

Por comunidades autónomas, Galiza foi unha das que ten unha media máis baixa de espectadores por concerto, só superada por Andalucía, Baleares e Castela-A Mancha. Outro dato que revela as diferenzas co resto do Estado, é a porcentaxe de concertos de música folc, que en Galiza se sitúa no 4,7%, mentres que no Estado está no 1,4%. Claro que o flamenco supón o 8,6%, cando en Galiza non chega ao 1%. E, en número de espectadores, o folk supón o 9,3% do público, mentres o total de España é de 2,1%. 

Comentarios