Compromiso coa arte, co seu país e co seu tempo. Se cadra, ese sería un bo resumo da traxectoria de Reimundo Patiño, protagonista da edición deste ano do Día da Ilustración Galega e elemento fundamental da evolución da arte e da cultura galega na segunda metade do século XX.
Nado en 1936, o golpe de Estado obrigou a súa familia a refuxiarse en Río de Quintas. En 1942 trasladouse a Monforte de Lemos, onde unha enfermidade o mantivo na cama cinco anos. Mais, sen dúbida, a experiencia que o marcou para sempre foi a profunda amizade que o ligou a Xohán Casal, quen lle deu acceso á biblioteca de seu pai e o puxo en contacto coa cultura galeguista. Patiño e Casal fundan a Liga Nórdica e a Unión de Artistas Ceibes, cuxa importancia non pasa de ser testemuñal mais que ilustra sobre o compromiso do artista coa arte do país.
En 1958, Patiño trasládase a Madrid e alí participa na fundación do grupo Brais Pinto -xunto con, entre outros, Méndez Ferrín, Bautista Álvarez, Herminio Barreiro, Bernardino Graña ou Ben Cho Shey- e A Gadaña, que aposta nunha pintura de acción e polo carácter autosuficiente da experiencia artística. O seu compromiso político levouno a ser tamén un dos fundadores da UPG, sendo un dos que redactaron os célebres 10 puntos programáticos.
Patiño estudou as formas da paisaxe e da arte popular (as figuras de Santo André de Teixido, os cruceiros, os gravados nos xugos do gando, a arte medieval, os petróglifos) para vencellar a cultura galega á modernidade que representaban o expresionismo e o surrealismo que triunfaban en Europa e nos EUA
Patiño introduciu o expresionismo abstracto na pintura galega; estudou as formas da paisaxe e da arte popular (as figuras de Santo André de Teixido, os cruceiros, os gravados nos xugos do gando, a arte medieval, os petróglifos) para vencellar a cultura galega á modernidade que representaban o expresionismo e o surrealismo que triunfaban en Europa e nos EUA; foi un teórico de primeira orde que publicou diversos ensaios sobre a arte galega (Encol do informalismo, Noticias do grabador Ortiz , Seoane “Botella ó mar” no tempo, A actual pintura gallega); participou na fundación de Estampa Popular Galega e do grupo Atlántica... E, non obstante, a súa figura parece terse desdebuxado desde o seu pasamento en 1985. Que foi o que ocorreu coa súa lembranza?
“Espero que dedicarlle o Día da Ilustración Galega sirva para volver proxectar a súa figura e recoñecer a grandísima importancia que tivo na cultura galega”, di Xulio Carballo, doutor en filoloxía e autor dunha tese sobre a banda deseñada na Galiza. “Patiño foi moi recoñecido no seu tempo: o seu falecemento provocou unha catarata de homenaxes, artigos e poemas dedicados á súa persoa -desde a práctica totalidade de artistas plásticos até escritores como Uxío Novoneyra ou Manuel Rivas- que o evocaban como unha figura transcendental da nosa cultura. E a min fáiseme moi estraño ver como todo iso se foi diluíndo no tempo. Deixouse de falar del, como se desaparecese, e non chego a entender a razón. Creo que hai que devolverlle o lugar que lle pertence como pintor, como pioneiro da banda deseñada, como teórico e, sobre todo, como un guieiro cara á modernidade para moitísima xente”.
Aproveitar o potencial da cultura de masas
A evolución de Patiño como artista foi decantándose por formas populares e da cultura de masas que lle permitían transmitir mensaxes de carácter ideolóxico sen renunciar á complexidade artística, de aí a súa relevancia como pioneiro da banda deseñada. “El foi quen fixo que todo estoupase”, explica Carballo. “Grazas a el, moitos artistas enfocaron a súa obra cara a esas formas procedentes da cultura de masas. Un dos seus compromisos foi o de dignificar o cómic para aproveitar esa capacidade de conectar cun público amplo e quitarlle esa consideración negativa que tiña en ámbitos académicos. E ademais, relacionándoo coa nosa arte popular, creando unha amálgama artística na que a tradición galega e a modernidade internacional se daban a man”.
A finais da década de 1960 e no inicio da de 1970 existía xa unha reflexión teórica sobre a cultura de masas que rompía cunha visión anterior que a rexeitaba de plano por frívola ou intranscendentes. Os cómics entraban nas galerías de arte e transformábanse en voceiros das novas correntes underground a través da reivindicación da sexualidade, das drogas e da mobilización antibelicista contraria á guerra do Vietnam; a iconografía pop chegaba ás obras de arte; e a música e o deseño asimilaban estas novas formas para fundirse con elas nun gran movemento contracultural.
"Estaba moi atento a todo o que sucedía a nivel internacional, non só a respecto da banda deseñada, senón tamén da arte e da literatura. E trasladaba todos eses coñecementos a xente que o arrodeaba e que buscaba novas formas de expresarse", di Carballo
“A consideración do cómic empeza a ser outra e xorden novos conceptos que se expanden desde Francia e desde os EUA”, declara Carballo. “E Patiño coñecía todas estas correntes: estaba moi atento a todo o que sucedía a nivel internacional, non só a respecto da banda deseñada, senón tamén da arte e da literatura. E trasladaba todos eses coñecementos a xente que o arrodeaba e que buscaba novas formas de expresarse. Era unha especie de Vicente Risco, transmitindo todas as novidades que chegaban de fóra a un grupo amplo de xente inquieta e cun compromiso político semellante ao seu. E todo iso cun coñecemento teórico vastísimo”.
Grazas ao exemplo e á obra de Patiño, moitos artistas descubriron o cómic. "O grupo do Castro, por exemplo, con Luís Esperante, ou, sobre todo, Xaquín Marín, a quen el mesmo convenceu de que os seus cadros eran tan narrativos que tiña que desenvolvelos en banda deseñada. Así naceu esa primeiro historieta galega publicada en prensa, O emigrante (1971) de Marín, ou o volume composto entre os dous, 2 viaxes".
O home que falaba vegliota
A obra máis coñecida de Patiño, O home que falaba vegliota, unha clara reivindicación do galego, un idioma perseguido naqueles últimos anos do réxime franquista, é un exemplo desa vocación popular que guiaba os pasos do autor. "É unha banda deseñada en forma de mural e que el proxectaba exhibir por varias localidades da Galiza", explica Carballo. "Quería unha arte que puidese espallarse e chegar a un amplo número de persoas". De feito, aquela obra chegou a un gran número de xente que despois se animou a facer banda deseñada, ao comprobar que era un xénero que podía conxugar o refinamento artístico e o compromiso político. "El demostrou que aquilo era arte cun enorme potencial non un subproduto cultural".