O mundo da cultura lembra a batalla de Porto de Bois

Un roteiro guiado e até unha canción rememoran ese fito histórico
Ataque Escampe compuxo unha canción conmemorativa. (Foto: David Silva).
photo_camera Ataque Escampe compuxo unha canción conmemorativa. (Foto: David Silva).

Este sábado, 16 de marzo, a Associaçom Artábria e Brincarmos recordan a batalla de Porto de Bois cunha xornada conmemorativa na comarca da Ulloa.

A súa meta é botar luz sobre unha contenda que tivo lugar en marzo de 1371 e que significou, segundo destacan desde Artábria, un "punto de inflexión" para o futuro reino da Galiza, pois nese lugar da parroquia de Mato, no actual concello de Palas de Rei, a clase dirixente galega, liderada por Fernando de Castro, sufriu unha "dramática derrota".

"Podía ser Leónidas, mais chamábase Fernando de Castro. Non era nas Termópilas, foi en Porto de Bois. Para reivindicar este símbolo da liberdade da Galiza, Artábria e Brincarmos, en colaboración co Centro Social Madia Leva de Lugo, a Eira da Joana da Agolada e o Instituto de Estudos Ulloáns deseñamos unha xornada chea de actividades adaptada para todos os públicos", engaden desde a organización do evento.

Deste modo, a acción comezará ás 11.30 cun roteiro guiado por Marcos Abalde que leva por título 'Fernando de Castro na batalla de Porto de Bois', e que decorrerá por un treito do camiño francés que atravesa Palas de Rei e cuns contidos centrados nas "causas e consecuencias da decisiva contenda".

Despois, ás  12.30, Artábria argallou unha visita ao castelo de Pambre guiada polo director do Instituto de Estudos Ulloáns, Francisco Pardo, concluíndo a xornada cun xantar ás 14.30 na Eira da Joana e unha foliada a partir das 17.

Ataque Escampe pon o seu grao de area 

No marco da conmemoración desta efeméride, Artábria convenceu Ataque Escampe para que compuxesen un tema musical que xa se pode escoitar na súa canle de Youtube e no que repasan co seu particular estilo os feitos protagonizados por Fernando de Castro.

Comentarios