Músicas no Miño, mercado sen fronteiras

A Eurocidade Tui-Valença acolleu no cambio de mes o III Encontro Profesional de Música Galiza Portugal, unha feira transfronteiriza que para axentes, artistas e programadores galegos e galegas funciona como o único mercado en activo da industria musical con presenza no país.
Xosé Lois Romero & Aliboria. (Foto: MUMI)
photo_camera Xosé Lois Romero & Aliboria. (Foto: MUMI)

Artistas, axencias, programadores, directoras e directores de festivais,  de auditorios e teatros, editoras de discos... A Galiza sumou no terceiro encontro de Músicas no Miño (MUMI 2022) case 150 inscricións profesionais á procura dun achegamento real ao propio sector mais tamén á industria portuguesa que "leva moitos anos traballando en todas as estéticas da música".

Quen fala é Manuel Roxo, membro de Culturactiva e coordinador do III Encontro Profesional de Música Galiza-Portugal. O primeiro cadrou co inicio da pandemia e resultou un mercado frustrado que se activou, finalmente en 2021. Músicas no Miño naceu na raia, nun dos territorios transfronteirizos con maior mobilidade e número de intercambios comerciais.

"A Eurocidade Tui-Valença para nós é o espazo ideal, un destino accesíbel que apostou polo MUMI como primeiro proxecto en común, unha feira que ademais de atraer a profesionais da Galiza e Portugal tamén ofrece concertos e espazos abertos ao público".

A eurocidade, destaca, "abrazou" a iniciativa desde o primeiro momento coa vocación de proxectala a unha banda e outra do Miño, máis tamén de converter o MUMI en referencia internacional do que se ten que facer nos territorios transfronteirizos.

O MUMI arrancou a súa terceira edición con grandes expectativas de traballo, encontro e negocio entre os participantes. "Desde o momento en que programadores galegos veñen, admiran e contratan propostas portuguesas, e programadores portugueses se achegan e quedan abraiados coas propostas galegas e mais coa posibilidade de incorporalas ás súas programacións, esas expectativas comezan a facerse realidade".

Ao espectáculo inaugural de Xosé Lois Romero & Aliboria e Omiri sumáronse durante tres xornadas os showcases dunha vintena de bandas e artistas galegos e portugueses, tamén figuras locais emerxentes, de todos os estilos, que buscan figurar en carteis de festivais, programacións municipais e concertos previstos para 2023. "Isto funciona na medida en que os profesionais que se dan cita aquí sacan contidos para as súas programacións e tecen alianzas que fortalecen o noso mercado".

Perto de 150 profesionais da música da Galiza asistiron na fin de semana ao MUMI 2022.
Perto de 150 profesionais da música da Galiza asistiron na fin de semana ao MUMI 2022.

Lara Noriega, concelleira de Cultura de Viveiro regresou do MUMI cun par de contratacións de cara ao próximo verán. "Unha galega e outra portuguesa, resultado das sinerxías que xeran en feiras coma esta, que abre as portas a propostas moi diferentes das que estamos acostumadas e que demostra o poder transformador da cultura".

Tamén para atallar eivas comúns, advirte Roxo. "Falamos de financiamento público, do estatuto profesional, da relación entre axentes culturais e portavoces políticos, e descubrimos que son problemas comúns que igual merecen solucións colectivas".

Un espazo común

"Para min é unha aposta marabillosa, unha conta pendente na Galiza, que precisa imitar dentro do territorio espazos de encontro coma este", conclúe Noriega, quen chama a unha maior profesionalización do sector.

Tamén Roxo apunta nesta dirección: "Temos que empezar a vernos fronte a fronte e a buscar espazos de unión. Somos un sector moi atomizado que pelexa contra o mundo para poñelo de cara. Na medida en que nos xuntemos teremos unha voz pública e un poder diferente á hora de proxectarnos e atopar mercados estratéxicos, como o é, por suposto, o portugués".

Comentarios