mércores 12/08/20

Mulleres diante e detrás das cámaras nun marzo de cinema

Arredor do Día Internacional da Muller Traballadora, o 8 de marzo, distintas entidades artellan unha programación cunha perspectiva feminista do sétimo arte.
Fotograma de As mulleres con mundo na cabeza, un documental de Encarna Otero que se proxectará no CGAI en marzo (Imaxe: Consello da Cultura Galega).
Fotograma de As mulleres con mundo na cabeza, un documental de Encarna Otero que se proxectará no CGAI en marzo (Imaxe: Consello da Cultura Galega).

No mes de marzo, o Día Internacional da Muller Traballadora transformouse na pedra angular de numerosas actividades que achegan ao público a través de obradoiros, palestras, ou ciclos culturais os logros e reivindicacións dos movementos feministas. Este mes, as galegas contan con múltiples alternativas cinematográficas que analizan o papel das mulleres diante e detrás das cámaras. 

Volve o Mufest

Menos de 20% dos filmes producidos no Estado español están dirixidos ou guionizados por mulleres e súa participación  na produción alcanza 31%. Para mudar a realidade que agochan estas cifras, a revista Andaina lanza unha nova edición do Festival de Cine Feito por Mulleres, o Mufest, entre os días 10 e 14 de marzo en Compostela.

As organizadoras descríbeno como "un espazo de encontro, o diálogo e a reflexión sobre o papel da muller na industria cinematográfica". O primeiro e o último día do festival terán lugar senllas mesas redondas: a primeira sentará xuntas representantes de festivais de cinema feitos por mulleres en Lisboa, Barcelona, Pamplona e a propia Compostela e a segunda xirará arredor da actualidade do sector na Galiza.

O festival conta con dúas seccións: unha de curtametraxes e outra de longametraxes documentais. As obras proxectaranse entre o Museo das Peregrinacións, os días 10 e 11 de marzo, e o Teatro Principal, nas xornadas do 12 e o 13 deste mes e contan con representación de autoras de México, do Brasil, de Exipto, da Arxentina ou da propia Galiza, entre outros.

Paralelamente a ambos ciclos desenvolverase o obradoiro "Levando a contraria", impartido por Renata Otero Ramallal, formadora e artista multidisciplinar. Partindo da ferramenta da contrapublicidade, as participantes elaborarán as súas propias curtametraxes a proxectar o sábado 14. 

Ollada de muller no CGAI

Na Coruña, o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) e o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), pertencente ao Consello da Cultura Galega, organizan varios ciclos coas mulleres no centro. O principal, "Olladas de muller" amosa, por unha banda, as creacións de artistas galegas e, pola outra, de destacadas directoras francesas ou portuguesas. Da primeira beira, pasarán polas pantallas as obras de Ana Domínguez, Ángeles Huerta, Jaione Camborda ou de Encarna Otero, impulsora do ciclo.

"Olladas de muller" tamén dedica unha sesión a lembrar a figura de Concepción Arenal con motivo da recente celebración do bicentenario do seu nacemento, a través do filme Concepción Arenal, la visitadora de cárceles.

Na outra, achéganse os traballos do colectivo feminista francés Les Insoumuses, formado por Nadja Ringart, Carole Roussopoulos, Delphine Seyrig e Ioana Wiede, así como pezas das portuguesas Teresa Villaverde e Salomé Lamas. 

Ciclo de Afundación

As sedes de Afundación acollen ao longo do mes de marzo diversas actividades nas súas sedes cunha perspectiva feminista. Entre elas, o ciclo de cinema "Mulleres" nas salas de  Vigo, Pontevedra, Ourense, A Coruña, Ferrol, Lugo ou Santiago de Compostela. Ao longo do mes, ofreceranse catro pases  dos filmes Toni Erdman, A boa esposa, Unha cuestión de xénero, ou A favorita. 

comentarios