Máis

Mulleres creando cultura

O Festivala reclama o apoderamento sexual
festiv
photo_camera A Tribo de Lilith na súa actuación coa Yaya DJ no Festivala 2022. (Foto: Alba Tomé)

Para reivindicar o papel das mulleres na arte e no mundo, o Festivala volve os días 24 e 25 de agosto ao concello de Vilagarcía (comarca de Arousa) co obxectivo de, como explica en declaración a Nós Diario a súa organizadora, Daisy Alcalde, "crear un cartaz de mulleres diversas e visibilizar outras realidades disidentes".

Todo isto nunha sétima edición na que aproveitan o centenario do nacemento da artista española Lola Flores para pór o foco temático no apoderamento erótico. Concertos, exposicións, obradoiros, cine...

Queremos que veñan públicos diversos para que poidan quedar coa mensaxe.

Calquera forma de creación ten cabida nun proxecto organizado desde a asociación feminista o Soño de Lilith e que deu o primeiro disparo de saída o sábado pasado coa presentación da exposición Apoderamento e sexualidade, que permanecerá na localidade arousá até o vindeiro 4 de setembro.

Daisy Alcalde  asegura que o que se pretende coa programación é chamar ao interese de persoas diferentes que "ao mellor non irían a un festival feminista" para que "poidan quedar coa mensaxe".

A noite do día 25 é para as DJ La Yaya DJ e Señora DJ, unha resposta a unha industria que afasta o feminino desta corrente musical. O sábado as cancións seguen soando de man do electro do Rabelo e a mestura de fusión e raíz de As Lembranzas.

Xa á noite, a humorista e actriz Isabel Risco presenta a enerxía incontrolada de Sés coa súa mestura da canción galega con blues, rock e música latinoamericana. De seguido, o dúo andaluz Azúcar Moreno completa un cartaz que se encarga de fechar La Negri, reivindicando con isto a figura das mulleres xitanas.

Así mesmo, unha feira de emprendedoras enche o recinto dun festival que demostra que elas seguen creando cultura.  

Comentarios