A mostra 'Vigo no tempo' explora a cidade olívica en todas as súas vertentes

A exposición coloca nun mesmo escenario o Vigo industrial e o editorial, a influencia do Cable Inglés nos costumes e no lecer, o Vigo da Movida ou do Grupo Atlántica, e o Vigo do mar e as lendas.
Unha das salas da mostra.
photo_camera Unha das salas da mostra.

Onte inaugurouse na sede de Afundación de Vigo a exposición Vigo no tempo, a quinta das mostras que se poñen en marcha no marco dun proxecto máis amplo, Cidades no tempo, que contempla unha exposición en cada unha das sete principais urbes galegas. Tras Santiago, Ferrol, Lugo e A Coruña, a proposta continúa o seu percorrido en Vigo, onde permanecerá patente até o 20 de xaneiro. 

O relato expositivo explora a cidade dende as súas orixes ata a actualidade cunha combinación única de obxectos de alta cultura e cotiáns, obras de arte, documentación histórica, mapas e planos, recreacións virtuais, fotografías e publicacións. 

A mostra ofrece unha oportunidade de afondar no Vigo máis coñecido e de descubrir os aspectos esquecidos ou descoñecidos dende moi diversas perspectivas: os fitos históricos e os mitos, o desevolvemento urbanístico, a economía e a industria, o lecer ou a cultura. 

 

Vocación de gran cidade

Vigo no tempo parte dunha visión de Vigo como un lugar cunha profunda vontade de constituírse en gran cidade. Así, fai un percorrido pola realidade dunha urbe que medrou nun territorio xa intensamente habitado incluso antes de que existise a propia idea de cidade. Baixo esta premisa, o traxecto abrangue as relevantes infraestruturas a nivel comercial, cultural e de comunicacións, enfocadas en acadar ese obxectivo. Un camiño que repasa, ademais, pezas arqueolóxicas de grande importancia, os documentos fundacionais, algunhas das imaxes máis antigas da cidade e mesmo grandes proxectos que non saíron adiante. 

A exposición coloca nun mesmo escenario o Vigo industrial e o editorial, a influencia do Cable Inglés nos costumes e no lecer, o Vigo da Movida ou do Grupo Atlántica, e o Vigo do mar e as lendas. Á fronte do proxecto está Manuel Gago, doutor en Ciencias da Comunicación e director de culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega,  que  conta co asesoramento, como coordinador local, do columnista e editor de Xerais entre 1994 e 2018, Manuel Bragado. Tamén colaboran institucións relevantes da cidade, coleccións particulares e entidades empresariais. 

Comentarios