A morte do patrón coruñés Julio Rodríguez

A aparición do movemento obreiro no século XIX deu inicio a unha serie de conflitos laborais que se estenderon por toda a Galiza nos anos finais dese século e no primeiro terzo do XX. A organización de sociedades obreiras foi acompañada da reivindicación duns mínimos dereitos en canto a melloras laborais.
Asemblea de operarios da construción coruñesa no teatro Rosalía de Castro durante a folga de 1933 (Foto: Nós Diario).
photo_camera Asemblea de operarios da construción coruñesa no teatro Rosalía de Castro durante a folga de 1933 (Foto: Nós Diario).

A resistencia da  patronal fronte ás reclamacións operarias estivo na orixe de numerosos enfrontamentos violentos: tanto por excesos por parte de axentes da orde pública como por colisións violentas entre sindicalistas e membros de sindicatos amarelos. Aos poucos fóronse producindo algúns sucesos de certa gravidade, como foi o caso do asasinato do patrón metalúrxico Miguel Muñoz Ortiz na Coruña en outubro de 1906 ou o atentado mortal contra o presidente da Asociación Patronal de Ferrol, o consignatario Nicasio Pérez Moreno, en 1921, no marco de encirrados conflitos laborais.

Na II República, a crise económica que seguira ao crack de 1929 tivera varios efectos inmediatos na Galiza, entre os que destacaban os recortes orzamentarios e o retorno de emigrantes. A medio prazo, iso derivou tamén nunha paralización da actividade económica e nun grande incremento do desemprego. O poderoso sindicato do ramo da construción da Confederación Nacional do Traballo (CNT) da Coruña foi un dos máis afectados por esta situación, pois boa parte dos seus integrantes ficaron sen traballo. E a decisión que tomaron os obreiros asociados foi reivindicar a redución da xornada laboral até as seis horas, para conxurar o desemprego obreiro repartindo de forma máis equitativa o traballo.

Arranca unha folga indefinida na construción

En agosto de 1933 os sindicatos decidiron declarar a folga indefinida en reivindicación das seis horas de xornada. Máis de 6.000 traballadores iniciaron un conflito que puxo a proba a fortaleza do sindicalismo coruñés.

A solidariedade obreira expresouse na creación de panadarías e barbarías colectivas, a recollida de produtos alimenticios e de cartos para apoiar os traballadores en folga; as traballadoras da Fábrica de Tabacos foron como noutras ocasións sostén de moitos fogares que deixaron de recibir parte dos salarios.

Ademais das mostras de solidariedade, tamén contribuíron a manter a folga as accións de forza, atacando a obras nas que se continuaba traballando, a operarios que non secundaron o paro ou a patróns que se amosaban especialmente combativos cos obreiros.

O feito máis grave foi sen dúbida o asasinato de Antonio Dorado Ríos, obreiro que non secundaba a folga, atacado cun coitelo nunha taberna da Silva en xaneiro de 1934. Tamén o patrón de orixe viguesa Julio Rodríguez Blanco foi vítima dun atentado, ao dispararlle un obreiro dous tiros na rúa dos Olmos en febreiro de 1934.   

Unha tentativa de acordo

As reivindicacións operarias foron reducíndose a comezos de 1934 e no verán as negociacións coa patronal avanzaron, chegándose a un principio de acordo entre as representacións obreira e patronal, que foi ratificado nunha asemblea obreira mantida na praza de touros o 14 de setembro. O acordo non foi aceptado de forma unánime polos patróns, provocando unha forte discusión entre o presidente accidental do ramo da construción, José Medina Roldán, que negociara o acordo, e o contratista Julio Rodríguez Blanco. 

Despois dunha violenta conversa telefónica, Julio Rodríguez Blanco presentouse na oficina de José Medina para continuar a discusión. 
A cousa foi a maiores e Rodríguez Blanco desenfundou un revolver co que disparou a Medina; despois dun breve forcexo, presentouse armado Francisco Zurrimendi, empregado de Medina, e ao ser apuntado coa arma por Rodríguez Blanco fixo sobre el tres disparos que lle causaron a morte.

A violencia patronal contra os patróns

Malia que estes feitos amosaban que a violencia no conflito laboral estaba tamén da banda patronal, houbo quen ignorou o acontecido para manter un discurso que xa estaba preparado: a Asociación Patronal de Ferrol denunciou o feito como un acto terrorista e pediu a represión sobre os crimes de carácter social, mentres La Región falaba dunha morte en atentado e Faro de Vigo e La Voz de Galicia ocultaban a realidade dos feitos en titulares que daban conta da morte a balazos do contratista, sen explicar os feitos; pola contra, El Pueblo Gallego e El Ideal Gallego deixaban claro nos titulares e na nova o que tiña acontecido. Aínda en 2013, unha historia da patronal coruñesa agachaba esa parte da historia nunhas breves liñas dunha nota a pé de páxina, diante da evidencia de que dar conta dos feitos e tentar explicar o acontecido rachaba co discurso xeral do traballo, que proclamaba que a patronal defendía a república burguesa mentres os sindicatos querían rematar con ela.

A resaca da insurrección de 1934

A folga da construción da Coruña rematou definitivamente pola insurrección de outubro de 1934 e malia que a conflitividade no sector reapareceu en 1935 e 1936, xa non tivo nin a forza nin os resultados que tivera o máis importante conflito laboral da Coruña da II República.

Comentarios