A cantante participa este mes no Mulleres Creando e no Getxo Folk

Mónica de Nut: "As restricións da cultura son desproporcionadas"

É cantante lírica, imparte aulas de voz e busca melodías e letras nas raíces para darlle logo a súa pátina, ecléctica e contemporánea.
monicadenut
photo_camera Mónica de Nut.

Este verán puidemos vela con Mercedes Peón, coa que volve cantar este sábado.
Si, estivemos con Déixaas no Canteira Fest e estamos esta fin de semana no Festival Mulleres Creando, en Vilagarcía. Teño a sorte de que, aínda que non estou a traballar nun proxecto propio, colaboro noutros que sinto moi meus, como pode ser o Déixaas. Este verán foi atípico, porque Mercedes actúa moito fóra, pero a situación da Covid-19 faino todo máis complexo. E a pesar de que as medidas son moi escrupulosas a nivel cultural, hai ocasións nos que a catro días che cancelan un concerto, aínda que as circunstancias sanitarias non mudan tanto. Tivemos unha actuación en León na que algunha xente bailou, coa máscara e con distanciamento, pero é moi raro, porque a música de Mercedes é moi bailábel e ver a xente nas súas cadeiras é estrañísimo.

O vindeiro día 27 estará en Getxo tocando con Oreka tx, como é esa colaboración?
Aos Oreka coñecinos no proxecto Tosta, onde fixemos dous temas en colaboración. Agora, para este novo traballo, que titularon Koklea, contaron comigo para que gravase algunhas cancións e tamén estarei nos directos que se presten, porque haberá algúns que sexan nun formato máis reducido e outros nos que se poidan levar colaboracións. Son txalapartaris moi innovadores, dánlle unha volta á tradición e fan harmonías, fan composicións, colaboran con danza contemporánea... Fan cousas moi diferentes, e así soan, o disco é moi fresco, con txalaparta, pero moi actual.

Fálenos dese proxecto, Tosta, onde coñeceu os txalapartaris de Oreka.
Pois foi unha banda que pretendía reunir as músicas relacionadas co mundo celta en Europa e as linguas minoritarias. O espírito era pór en primeiro plano esas culturas minoritarias, con lingua propia, dunha forma actual, non reproducindo estéticas ou maneiras culturais e musicais do pasado senón relacionar esas raíces con creacións propias, doutros estilos. Contactaron comigo para facer visíbel a lingua galega e porque precisamente fago iso, recoller melodías ou letras da tradición e darlles a miña versión. Aínda que eramos moitos artistas e coordinar a tanta xente é moi complicado a colaboración funcionou moi ben a todos os niveis, tanto musical como persoal, porque se traballaba moi a gusto e con moita empatía e iso influía globalmente en todo o proxecto.

Como foi a experiencia teatral con Thesarus?
Estreamos no Teatro Rosalía e , en espazo interior tamén actuamos en Ourense. Estou moi contenta do espectáculo, onde traballo con Paula Pin, Nuria Sotelo e a propia Ánxela Blanco. No nivel artístico está todo ben, pero no outro nivel, esta foi a miña primeira experiencia de teatro, no que se refire a esta nova realidade, e a sensación foi terríbel, en canto á relación co público, polo ambiente que hai agora debido á pouca capacidade dos locais, á xente coa máscara e a recibir así os aplausos... Dan ganas de chorar, aínda que te vas afacendo.

Que lle parece o que está a acontecer agora, con mobilizacións no sector atravesado pola crise?
Se vas de bólo asumes un risco moi alto. Por exemplo, cando empezamos a xira con Mercedes, todas fixemos a proba, porque se dás positivo afecta aos concertos e a toda a contorna. A precariedade é agora maior que nunca porque segue a haber gastos pero non hai ingresos. Apoio as reivindicacións pero coido que o máis urxente é unha cuestión ética e de convivencia, o problema de saúde é obvio, pero é igual de grave a cuestión social e non hai un equilibrio entre os dous aspectos. É desproporcionado que eu para traballar con Oreka vaia nun avión atestado pero logo no auditorio teñamos incríbeis restricións de capacidade e sanitarias.

Comentarios