luns 23/11/20
A Nosa Terra

O Milhomes non tiña navalla. Para reler 'A Esmorga', un texto de Xosé M. Millán Otero

Reproducimos un dos artigos de Xosé M. Millán Otero, recentemente falecido, que máis pegada deixou entre as lectoras e lectores de A Nosa Terra, a quen agradecemos a cesión do texto que segue. Foi publicado o 1 de decembro de 1994, no número 650 da citada publicación.
Un fotograma de 'A Esmorga', que levou ao cine como tal Ignacio Vilar en 2014.
Un fotograma de 'A Esmorga', que levou ao cine como tal Ignacio Vilar en 2014.

Unha entre as moitas novidades que A Esmorga aporta á narrativa galega é o alto grao de colaboración leitora que o texto demanda. Na súa aparente simplicidade, a novela oculta tanto como mostra, e os siléncios son nela tan significativos como as voces que oímos. O leitor non só debe reconstruír a parte que o primeiro narrador lle furta ao amputar as intervencións do Xuíz, senón que debe percorrer o texto armado de todos o sentido crítico. A Esmorga demanda, a parte un leitor antento, un leitor suspicaz, disposto a desvelar dobres sentidos, ambigüidades, autocontradicións e, primordialmente, as motivacións que moven cada unha das palabras de Cibrán o Castizo na súa declaración.

Como alerta contra o leitor incauto é que funciona a presentación en pluma do primeiro narrador, que amais de nos “explicar" a xénese do discurso, pretende acentuar a nosa desconfianza ante o que ven a seguir. De outro modo, a referéncia a múltiples fontes orais e escritas non pasaría de mero xogo verbal, se temos en conta que se aproveita só unha das fontes posíbeis -a deposición oral do protagonista ante o xuiz-, reducíndose a utilización das restantes... ás últimas liñas da novela, para deixar na incógnita as circunstáncias da morte de Cibrán. Como o primeiro narrador nos di, a “voz populi" transforma a história á sua conveniéncia: o Tijeradeoro conta os sucesos de trinta maneiras, dependendo do humor; o tio "ministro" do xulgado é xa vello e mal recorda; por último os papeis procesais enterran a verdade co cascallo da retórica xudicial. Leitor: abre os ollos, anda con tento non creas nada... xulga.

No cima da irania, o primeiro narrador mesmo chega a “conducir" os posíbeis prexuízos en que o leitor moralizante e non suspicaz puidera caír: collerlle xenreira ao Milhome . Mais, unha vez lida a novela, ¿por que ter xenreira ao Milhomes, ese anxo desgraciado e xusticeiro?

E, como primeira conclusión , e n'A Esmorga nada é como aparenta, e non pode haber xustiza porque non hai certeza, ¿por que crer xustamente a versión do principal implicado?

O narrador infiel

Algunhas da consideracións arriba esbozadas son clásicas na análise d'A Esmorga. Sen embargo, unha vez sinalada a incerteza textual, críticos e leitores téñense deixado atrapar pola innegábel habeléncia retórica de Cibrán até ver o mundo narrativo exclusivamente polos seus ollos e dar por certo o que na novela é máis infiel: a deposición do narrador -testemuña-protagonista- reo. De aí que as interpretacións máis sagaces choquen con preguntas para as que só hai respostas débeis: ¿Por que mata Milhomes ao Bocas? ¿Está diexeticamente xustificada a acción? ¿Ten o Milhomes suficiente distanciamento afectivo e capacidade de xuízo moral sobre os actos do compañeiro?

Porque o recurso aos ciumes como factor explicativo non podemos estraelo nen sequer da narración de Cibrán: o Milhomes acompaña sen pestanexar ao Bocas na procura de satisfacción sexual . na casa da Monfortina, na casa da Nonsó, no pazo de Andrada... ¿Pór que non no campo das bestas? No momento de máxima aproximación entre o Bocas e unha muller -coa Viguesa na casa do Nonó-, o Milhomes limítase a seguir a escena con escepticismo, "que era o seu modo de se burlar ou de dar a entender que estaba de volta do que se dicía'', mentres "besbexaba, polo baixo, cousas que facían rir" á gobernanta do local.

Canto á sua capacidade para un lóstrego de xuízo moral que lle permita decatarse da barbaridade que ven de cometer o Bocas coa Socorrito, nada no perfil psicolóxico do personaxe nen na sua evolución narrativa nos permite supor tal posibilidade. Deseñado polos comentários de Cibrán, a figura do Milhomes sobrepasa en depravación á do Bocas: o que neste hai de "nobreza" -identificada coa sua afouteza- hai en Milhomes de falsía e crueldade gratuíta. E non é extraño que o narrador se compraza en detallar o episódio do roubo á tia Delfina, o saqueo no pazo de Andrada ou a saña con que Milhomes suxeita polos pelos á Costilleta mentres o Bocas a golpea en pleno rostro. A própria descrición física dos dous personaxes non oculta o grao de envexosa admiración de Cibrán polo Bocas á par da desfiguración mostrosa do Milhomes.

A presentación do personaxe é, naturalmente, interesada. Forma parte das múltiples estratéxias deseñadas polo narrador con vistas a disfrazar a sua própria responsabilidade nos acontecementos. Como única testemuña das mortes, ten a posibilidade de construir a realidade á sua medida; como único sobrevivinte, é tamén o único susceptibel de ser culpado e castigado. Non é gratuíto que a declaración arranque cunha negación taxativa das afirmacións doutros declarantes, que descoñecemos pero que poderiamos supor: "Non, señor, non lle foi asi como está nese papel que leron. (...) Nin no escomenzo das causas, nin do que veu despois, nin do remate, ninguén sabe nada porque ninguén viu nada... ".

Neste sentido, só en clave autoxustificatória é que pode ser !ida a novela: cada frase do Cibrán forma parte dunha estratéxia meditada tendente a convencer ao xuíz -e aos xuíces leitores-, da sua inocéncia. Asi, os excursos rapidamente atallados en que se valora a si mesmo como home e personaxe; asi a extensa referéncia inicial ás paces coa Raxada, o amor polo fillo e os sinceros desexos que se rexenerar; as diferéncias que marca a respeito dos seus compañeiros de desgrácias; a reincidéncia no zar infausto que guia as suas decisión e os seus actos; a debilidade de carácter con que se autorrebaixa para xustificar a sua vinculación á esmorga.

Mesmamente o tan manuseado determinismo físico e metereolóxico -a choiva, a friaxe, os sabañóns nos pés, o picante da sopa de allo fervéndolle no estómago-, en boca de Cibrán non son senón outros tantos recursos -ben mirados, alguns altamente irónicos-, coa fin de resaltar a sua irresponsabilidade diexética. Abondaria unha análise detallada dos momentos da declaración en que estas referéncias se producen para a sua función exculpatória. Como tamén o "pensamento", con canto ten de enaxenación e "conciéncia irracional'', pero tamén de pretexto para explorar a complicidade do xuíz e do leitor ... e enredarse cada vez máis na bebedela.

O Milhomes non tiña navalla

Pode parecer supérfluo -xa adiantei que estas notas tiñan o seu de ociosas-, pero nun crime -e n'A Esmorga, entre outros, hai un crime-, tan importante como vítima e culpábel é o corpus delicti. E as navallas n'A Ésmorga- tampouco esquenzamos que para a sua verdade interna é un acto procesal-, xogan tamén o seu rol. Cando en 1971 Blanco amor intenta converter en linguaxe visual a novela e escribe o guión de La Parranda, entre outras moitas innovacións mixtificadoras, outorga a cada un dos herois o seu atributo: o Bocas "faca andaluza ou albaceteña de home camorrista"; o Cibrán "navalla ( ... ) popular galega"; O Milhomes "unha navalla, no peto do chaquetón, grande”.

Pero n'A Esmorga (texto), o Milhomes non ten navalla ... ou cando menos non hai referéncia a ela antes de que sexa necesária para realizar o seu cometido: "Vinlla pouco, -"confesa" Cibrán-, pero somella ser a navalla de Aladio o Milhomes. ( ... ) Digo que somella porque non lla tiña ollado denantes nin sabía que a levaba". Si teñen navalla o Bocas, que acaba sacando con medo no pazo de Andrada; e tamén o Cibrán, como afirma, xustamente no momento de se encontrar cos esmorgantes: "Supuxen de seguida que sería unha bulra de coñecidos, pero, polo si ou polo non, afirmei a mau na navalla e quedeime parado". Sen embargo, xa no cabo da novela, ante a dúbida insidiosa pero xustificada do xuíz ao lle mostrar o corpo do delito e preguntar pola sua propriedade, o Cibrán acaba por descubrir o seu xogo e autocontradicirse: "Esa é unha parvada e parece causa de mal fe, sen faltarlle ao respeto. Eu non son home de navallas, que o pode dicer todo o mundo no pobo ... ¡E fágame o favor de ... !".

¿Lapso do escritor ou lapso do personaxe? Resístome a crer que Blanco Amor, -tan coidadoso en cada detalle-, caia neste despiste próprio de présas e noveis. A distáncia textual entre ambas referéncias e os momentos climáticos en que estas se producen inclínanme a crer no seu carácter deliberado. O lapso é sen dúbida do personaxe, un lapso que desmonta toda a sua estratéxia exculpatória e o condena ante a xustiza. E para probalo, o significativo siléncio do xuíz, a perda do autocontrol de Cibrán, até aí tan mesurado, e o "pensamento"...

Cibrán, entre a traxedia e o cinismo

Orabén, ¿en que modifica a propriedade da navalla as interpretacións globais d'A Esmorga? Ou, noutras palabras, ¿en que modifica a autoría a significación global do crime e as suas circunstáncias? Non substancialemente, creo eu. Fago miñas abondas das leituras até agora realizadas -inclusive aquelas tendentes a explicar as razóns do Milhomes-, moi éspecialmente a difundida por Francisco Rodríguez en múltiples conferéncias e no seu traballo "A Esmorga: opresión e violéncia na realidade colonial”. A "culpabilidade" de Cibrán non ven máis que a redimensienar o seu estatus de personaxe central:

-Como ten sinalado Francisco Rodríguez, nun 'marco cofonial caractérizado pala alineación, a incapacidade dos indivíduos para dialogaren co médio, cos outros e consigo mesmos: a imposibilidade de conciéncia e valores éticos, Cibrán é o único personaxe coas mínimas luces, coa mínima inserción social, coa mínima escala de valores para xulgar os actos dos seus compañeiros e obrar en consecuéncia, aínda que sexa de forma extemporánea e igualmente violenta. A morte do Bocas é acto do seu "pensamento", conciéncia irracional, que se acaba convertendo en enaxenación (ataque de epilesia).

-A morte do Bocas a mans do castizo non seria senón o remate diexeticamente esixido para a rivalidade que se estabelece entre os dous desde un início e que a versión do narrador non totalmente disimular; a rivalidade sexual latente entre ambos; o enfrentamento físico no pazo do Castelo por mor do Milhomes; o distanciamento crítico de Cibrán de todas as "burradas" que os esmorgantes cometen; a revelación in media re das accións do Bocas a noite anterior; a dependéncia inmotivada que liba a Cibrán cos esmorgantes -para alén. da "complicidade" na queima do pazo-, paralela á que manifesta o Bocas con respeito ao Milhomes: o pensamento por mil causas que o Cibrán non pode xa controlar.

-O que de tráxico ten o protagonista, tena de cínico o narrador. Só así se explica a alternancia entre os momentos de plena submisión ao xuíz con aqueles en que se burla del abertamente amparándose na distáncia cultural ou na sua dubidosa conducta sexual: só así se explica a sua aparente febleza psicolóxica. Desconfiado tanto das resolucións da xustiza tanto como dos seus métodos, Cibrán atende unicamente á sua salvación individual, lonxe de calquer noción de verdade ou solidariedade.

Mais, sexa que for o asasino, queda patente o extraordinario grao de abertura da novela, froito da capacidade de Blanco Amor para dotar este mecanismo de reloxeria do suficiente entorno de indeterminación como para permitir múltiples e encontradas leituras. O que porén creo incuestionábel é que o próprio autor nunca deu demasiado creta ás declaracións do seu personaxe.

[Nesta reprodución obviáronse as notas ao pé referidas a páxinas concretas do libro empregado polo autor do artigo].

comentarios