Chan da Pólvora e a libraría compostelá homónima escolleron hai xa tres anos o 28 de xuño como xornada de memoria do Estatuto de Autonomía de 1936 e de reivindicación dos dereitos LGTBI. Nesta ocasión escolleron Serafín Ferro (Monelos, A Coruña, 1912-México, 1957) como protagonista. A plaqueta Un poema de Serafín Ferro, en concreto Noite, conformará a achega editorial á celebración, quen anuncia unha biografía a cargo do xornalista Santiago Romero.
Ferro foi tamén “fonte léxica” dos Seis poemas galegos de Lorca, con quen mantivo relación. A pegada do poeta andaluz nótase na propia escrita do galego. A publicación inclúe tamén o retrato que fixo Ramón Gaya de quen fora o “gran amor” de Cernuda. Estudosos consideran que Serafín Ferro é inspirador dos seus libros Los placeres prohibidos (1931) e Donde habite el olvido (1933).
Serafín Ferro fixérase anarquista no Madrid republicano, onde a lenda di que chegou a pé. Amigo de Eduardo Blanco Amor, Ernesto Guerra da Cal ou Ramón Suárez Picallo, exiliouse en México. Alí morreu “esquecido e pobre”, casado cunha muller “coa que non conxeniaba”. Guerra da Cal escribiu o seu epitafio, lembra a editora Chan da Pólvora: “Naceu para escuro malabarista da vida e desempeñou con valor e ironía o papel desa aventura acrobática”.