Contracultura

Miguelanxo Prado: "Recibir un premio a toda unha carreira logo de anos facendo algo satisfactorio é un privilexio"

Miguelanxo Prado, autor de banda deseñada, vén de ser galardoado co Premio da Crítica a toda unha carreira no certame que organiza a editorial Dolmen. Prado refírese precisamente ao significado das condecoracións a obras e artistas e do seu propio percorrido profesional que, como el di, "non cambia a esencia do que son: un autor de cómic".
O autor de cómic Miguelanxo Prado acumula unha carreira de publicacións de máis de 40 anos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O autor de cómic Miguelanxo Prado acumula unha carreira de publicacións de máis de 40 anos. (Foto: Nós Diario)

—Como senta saber que se lle recoñecen toda a súa traxectoria?
Isto é un lugar común, estou farto de escoitalo, e ser eu agora quen o repite dáme un pouco de grima. Os premios non mudan a obra e recibilos tampouco garante que a historia a relegue a postos menos importantes. Mais sería excesivamente cínico se dixese que non me importan. Prefiro recibir premios que non recibilos, iso está claro. Intento non perder a perspectiva, non crer o fondo que teñen os premios, non por si mesmos senón pola interpretación que facemos os seres humanos. Habería en España persoas con méritos dabondo para recibir este premio. Crerse que es o mellor, aínda que sexa só polos 365 días que tarda en volver proclamarse o premio, é ser un necio. 

—Inflúe que sexa un premio dado pola crítica?
A relación entre esta e os artistas sempre foi tensa. Cando opinan sobre o que ti fas, a situación é incómoda, especialmente cando buscan e atopan contras. Que esas persoas que teñen unha dedicación especial, unha formación e unha traxectoria analizando o traballo dos demais cheguen a estas consideracións dá, cando menos, unha certa tranquilidade de pensar que moi mal non o debín de facer.

Ademais, estes premios que se dan a unha traxectoria fanme pensar nunha tira de Mafalda que me parece gloriosa, na que ela pregunta a un dos seus proxenitores se está contento dos seus tempos. Respóndenlle un pouco o que pensan da súa xuventude e ela queda con cara de decepción porque pensaba que lle ía dicir que estes eran aínda os seus tempos. Isto é un pouco igual: cando che dan un premio a toda unha carreira pensas que para ti aínda non rematou, que aínda estás correndo. Tamén é lóxico claro, teño 64 anos e non me van dar un premio a novo artista. Outro dos asuntos determinantes é que non é como o Nobel, que unha vez que o recibes podes pensar 'non traballo máis'.

Máis alá do que poida significar o Premio da Crítica, teño que entregar o libro dentro de dous meses e o traballo segue estando enriba das mesas do estudo. Segue estando esa ecuación, para min máxica, que me mantivo todo este tempo: non é unha actividade de ocio nin un pasatempo, mais teño que recoñecer que desfruto. Hai momentos malos nos que as cousas non saen ben, nos que o público non reacciona como pensabas, pero o exercicio diario é gustoso e pracenteiro. Recibir un premio a toda unha carreira despois de anos facendo algo que en todo momento foi satisfactorio é un privilexio.

—Despois de tanto tempo no cómic, a ilustración e o audiovisual, en que punto está agora?
Antes que nada son autor de banda deseñada, unha persoa que conta historias a través dunha linguaxe propia. Iso é o que me considero de raza e de corazón. Pero isto non elimina o meu interese por moitas outras cousas.

Comecei no mundo da pintura, mais cando descubrín o cómic fun un amante infiel e este pasou ao primeiro posto. Non deixei de pintar e logo cruzáronse cousas como a ilustración de libros doutros escritores e o audiovisual de forma case casual. Chamáronme da TVG para deseñar unha mascota dun club infantil e de súpeto estaba no Xabarín Club facendo deseño gráfico, deseño de personaxes para merchandising, animación, etc. E a partir de aí as catro tempadas de Men in Black.

Para min tamén foi importantísimo facer De profundis, pero non podo comparar toda a intensidade do proceso que supón para min crear as miñas historias. Gustaríame tamén non retirarme sen participar nun videoxogo, interésame o mundo nebuloso dos xogos de rol con esas estruturas narrativas cambiantes e espero ter a oportunidade de chegar a participar algunha vez nalgún proxecto do estilo, mais non cambia a esencia do que son: un autor de cómic.

Comentarios