Migrantes, protagonistas do XXIX Festival da Poesía no Condado

O programa xira arredor das persoas migrantes. Dous días de música, cine e moita poesía no XXIX Festival da Poesía no Condado que se desenvolve en Salvaterra do Miño nos días 4 e 5 de setembro. 

condado

A defensa das persoas migrantes e a denuncia das causas que levan a ter que abandonar a terra propia son o eixo arredor do que xiran as múltiplas propostas do programa do XXIX Festival da Poesía do Condado organizado pola Sociedade Cultura e Desportiva que se desenvolverá en Salvaterra do Miño dos 4 a 5 de setembro. 

Proxección de curtametraxes seleccionadas polo Cineclube de Compostela sobre a inmigración e abertura da exposición do fotógrafo Xosé Quiroga e a presentación do libro “Realidades Cercanas” do tamén fotógrafo Gabriel Tizón abren a sexta feira, 4 de setembro, un programa que tamén incluirá a presentación do proxecto “Videocartas Galiza-Berlín”. 

Noite nas Minas

A “Noite nas Minas” comeza nesa mesma primeira xornada a partir das 22:00 co poeta e tradutor Isaac Xubín que recitará textos do escritor vasco Joseba Sarrionandia nunha sesión na que o Cuarteto Caramuxo porá a música. 

Un pasarrúas con Punkiereteiras dará a saída na mañá do sábado ao Festival de Poesía que inclúe nesa xornada un Aberto de Billarda organizado pola Liga Nacional de Billarda, a feira dos colectivos e artesanía e a presentación do proxecto “A vila é puro teatro” da asociación As brétemas. Por volta das 13:00 a organización preparou unha mesa de debate sobre as migracións coa intervención do fotógrafo Xosé Quiroga, a representante do Foro Galego de Inmigración, Susana Beatriz e Beatriz Monteagudo por parte do colectivo Voltar á Terra. 

Polo serán desenvolverase a festa infantil con Fran Amil e o seu “Chuches Amil” para logo Xurxo Souto presentar o seu libro “Contos do mar de Irlanda”. A proxección das curtas premiadas no viciño Festival de Cans pechará a xornada de tarde. 

Recital colectivo e música

Un dos momentos centrais será o festival de  música e poesía que comeza ese sábado ás 20:00 que será presentado por Esther F. Carrodeguas nunha sesión na que participarán poetas como Alba Cid, Augusto Fontám, Alexandre Insua, Lara Rozados, Isabel Blanco Rivas, Rosalía Morlán, Eduard Velasco e Mª José Fernández xunto cos vascos Jon Benito e Xabi Borda e o portugués Alexandre Sá. Caxade, Ataque Escampe e os Festicultores da parte galega e Pega Monstro e os Irmaos Makossa da portuguesa porán a música do festival. 

Comentarios