Fotografía

Abraham Rosendo, gañador do premio National Geographic no certame H2Ocean: "O meu traballo parte da denuncia ambiental"

Unha fotografía aérea das illas Alvedosas (Soutomaior) gañaba o premio National Geographic no certame H2Ocean. O seu autor é Abraham Rosendo (Breikus), quen, sorprendentemente, non se dedica á fotografía como medio de vida. Con todo, como bombeiro forestal, a súa práctica en continuo contacto coa natureza inflúe de maneira evidente na súa obra. 
A fotografía das illas Alvedosas gañadora do certame H2Ocean de National Geographic
photo_camera A fotografía das illas Alvedosas gañadora do certame H2Ocean de National Geographic (Abraham Rosendo)

Non se dedica profesionalmente á fotografía. Cando e como apareceu a súa paixón por este campo?

Si, desde 2015 téñoo como hobby, non é un traballo. Decidín dedicarlle tempo a temas de fotografía que realmente me gustan, aínda que non saque cartos con iso. Comecei saíndo a dar un paseo. Teño 30 anos, pero levo metido no mundo da fotografía como cinco só, non me vén de cativo. De feito, foi algo que apareceu de súpeto. Gosto de facer sendeirismo e sempre ía co móbil por aí tirando fotografías. Logo decidín dar un paso máis e mercar unha cámara réflex. Pasaba por un momento de baixón cando comecei a interesarme polo que ocorría a través dos obxectivos das cámaras. 

Con todo, está desenvolvendo varios proxectos, non?

Estou cun proxecto fotográfico de mariñeiros tradicionais na costa galega, comezando na miña vila, Arcade. Cando teño tempo intento levalo a cabo. Tamén estou facendo un documental, xa de vídeo, acerca do río Verdugo, que trata  das tradicións que se manteñen ao longo de todo o cauce, retratando lugares ben conservados e outros estragados pola man do home.

Por que optou pola imaxe das illas Alvedosas?

O concurso trata dos océanos e de ecosistemas mariños. Penso que na ría de Vigo temos un entorno moi importante e, xa que estaba co proxecto de fotografía dos mariñeiros, quixen mostrar unha parte do que somos. Quería ensinar a beleza desas illas porque é un lugar moi relevante da ría de Vigo. Porén, aínda que as vemos todos os días, case non nos decatamos de que están aí. Considero que é unha zona moi interesante pola presenza de aves, bivalvos... A xente de Arcade vive e traballa nesas zonas, é algo que deberiamos de conservar e darnos conta de que lle estamos a facer moito dano. Os mariñeiros traen decote bolsas de lixo da nosa ría. 

Entendo que asume o seu traballo cunha vontade de denuncia ambiental.

Por suposto, é un dos piares que me levan a facer todo isto. Impórtame moito o medio ambiente e estou comprometido con intentar denunciar o que se está a facer mal nese eido, especialmente nesta zona, porque é onde vivo. Levo indo ao río toda a vida, bañándome nas praias de Arcade, e ver o que se está a facer non me fai sentir ben. Por iso sae de min a denuncia ambiental, como deberían  facer todas as persoas, e xa que teño a posibilidade de facer fotografías que poidan impactar á xente e facerlle pensar, elixo enfocar o meu traballo nesa dirección. 

Comentarios