venres 03/12/21

Mercedes Peón e Iván Ferreiro encabezan o cartel de Cans

Con maio chega a edición máis multidisciplinar do Festival de Cans, con danza, gastronomía, literatura, humor gráfico ou videoperformance, ademais de filmes e música como vén sendo habitual. E tamén 'Canstelao en chimpín'.

CANS
Presentación do Festival de Cans esta mañá

O Festival de Cans chega nesta 13ª edición coa proposta máis multidisciplinar da súa historia: audiovisual, música, danza e gastronomía confluirán na parroquia porriñense desde o 18 ao 21 de maio. Os cabezas de cartel deste ano son Iván Ferreiro que ofrecerá un concerto o 20 de maio e Mercedes Peón e Janet Novás inaugurarán o Jaliñeiro Arena cun espectáculo exclusivo fusionando danza contemporánea e música de dúas das nosas artistas máis internacionais. 

Ademais, o Jaliñeiro Arena -na zona Multiusos- albergará unha nova sección gastronómica -“A cociña de Esther”-, coa proxección de 'El equilibrio de los opuestos', un documental de Alberto Baamonde sobre as peripecias do cociñeiro Javier Olleros, que preparará unha tapa delicatessen deseñada para o festival con produtos da parroquia.

Os nenos e nenas cobran cada vez máis protagonismo en Cans. Os máis pequenos terán actividades no Cuberto do Pato, no Baixo de Carlos e o parque do río, con zona de xogos tradicionais e menús infantís. Nestas localizacións poderán gozar da Caixa de Mistos, dun obradoiro de filmes de MrMisto no que xogarán a ser cineastas ou da proxección de Maimiño.
 
18 curtas a concurso

O xurado seleccionou 18 curtas a concurso marcadas por directoras e directores que crean desde o éxodo, en lugares como Bruxelas, Londres, Barcelona, Madrid ou Lisboa, pero tamén por algúns creadores que xa tocaron o éxito do Can de Pedra de Cans. Ademais, recupérase a sección de animación, estréase 'Psiconautras' de Alberto Vázquez e Pedro Rivero e Dani de la Torre rebobinará 'El Desconocido' xunto aos dous premios Goya do filme: Jorge Coira (mellor montaxe) e David Machado (mellor son). Ademais, celebrarán os 100 anos de 'Miss Ledya', proxectándoa con música en tempo real do theremin de Paulo Nimoy e inaugurarase a sección Retratos de familia, que recolle as obras dunha serie de directores e directoras novos que afondan no entorno familiar para crear unha cinematografía diferente. 

30 horas de música

Máis de 20 actuacións e 30 horas de música cos Diplomáticos de Montealto, que celebrarán os 25 anos do seu primeiro disco; Novedades Carminha, Iván Ferrreiro e Oscar D'Aniello estreando o seu novo proxecto musical, Delafé, e o seu primeiro disco con esta nova formación, 'La Fuerza irresistible'.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Canstelao en chimpín

Baixo o título 'Canstelao en Chimpín', o Festival incluirá diversas actividades para difundir a traxectoria do polifacético autor. A primeira delas será a proxección de 'Miss Ledya', o primeiro filme galego de ficción , no que o propio Castelao participa como actor e de cuxa estrea se cumpre o centenario neste ano. Será o venres día 20 ás 12 horas no Baixo de Moncho, e contará coa música en directo da composición de theremin, unha creación singular e específica para esta ocasión realizada por Paulo Nimoy, da banda Camarada Nimoy. Tamén o venres, ás 19:30 no Cans Voulevar, inaugúrase a exposición do debuxante Siro López, que inclúe unha viñeta dedicada a Castelao. 

Ao día seguinte, o sábado ás 10 horas, Xurxo Souto realizará unha ruta guiada na que  comentará historias sobre a toponimia, os penedos e os roteiros e excursións que Castelao facía cos seus amigos galeguistas que andaban polo Porriño, como o fotógrafo Luis Ksado, o escritor Ramón Cabanillas ou Paz Andrade. Hai que ter en conta que estes roteiros musicados e guiados, levados a cabo polo músico e escritor  Xurxo Souto, contan cunha gran afluencia de público e o ano pasado participaron máis de 100 persoas nun percorrido baseado nas historias dos veciños e na memoria musical. Tamén o sábado, xa na sesión vermú, a Banda de Música de Rubiós interpretará a canción 'Lela', escrita por Castelao para a estrea da súa obra de teatro 'Os vellos non deben de namorarse'. Ademais, proxectarase unha viñeta de Castelao ao comezo de cada sesión durante o Festival e na Leira de Alicia haberá un chimpín con elementos míticos da iconografía de Castelao para que o público se poida fotografar caracterizado como o autor. 
 

Mercedes Peón e Iván Ferreiro encabezan o cartel de Cans
comentarios