Os Diplomáticos celebran as vodas de prata no Festival de Cans

Os de Montealto celebrarán en Cans os 25 anos da publicación do seu primeiro disco, Arroutada pangalaica, no torreiro dun festival que tamén acollerá concertos de Novedades Carmiña e moitos máis. 

xurxosouto-cans
photo_camera Xurxo Souto no Can Sonoro

Os Diplomáticos regresan para facernos lembrar a todos aquela “Arroutada Pangalaica”, o seu primeiro disco co que saltaron aos escenarios galegos e co que encheron o mundo do seu rock bravú. Farano no Torreiro de Canso sábado 21, día grande do festival, nun concerto no que haberá varias actuacións sorpresa de amigos convidados polo grupo coruñés. Será unha das contadas actuacións que ofrecerán este verán.

Ademais, presentarán o videoclip 'A Rabaleira', que é o nome da pedra na que fixeron a foto que vai nese primeiro disco. “Non iamos facer algo especial, pero o destino lévanos a iso”, comentáranos Xurxo Souto nunha entrevista, onde explicaba o porqué dese tema: “No disco 'Arroutada Pangalaica', se vos fixades na contraportada aparecemos nunhas pedras a carón da Torre de Hércules. Cando quitamos a nosa foto, nós non sabiamos nada de como se chamaban esas pedras, porque ninguén nolo conta, é alucinante. Temos un monumento da humanidade e nin sequera hai un carteliño co nome das pedras. Pois agora sabemos que aí cada pedra ten un nome: a Rabaleira, o Xogadoiro, os Coitelos de Terra, os Coitelos de Mar. E unha gran poeta, Teresa Ramiro, que é mariscadora na ría do Burgo, fixo un poema dedicado a unha desas pedras, A Rabaleira. E foi xusto un tema que gravamos hai uns días, foi un agasallo que nos fixo Tomás Axeitos, nos estudos A Ponte. E o día 21 en Cans imos presentar o tema e o videoclip desa pedra, 'A Rabaleira', xusto no lugar onde nos quitamos esa foto hai 25 anos e que nesa ignorancia que nos rodea nin sequera lle sabiamos o nome”.

Ademais, o cantante do grupo, Xurxo Souto recibirá o “Chimpín de prata” (Premio Pepe Puime) na “Noite das Homenaxes” polo “amor a primeira vista” que demostrou por Cans desde a primeira vez que foi e pola especial relación que ten coa aldea levando a cabo ano tras ano o noso roteiro “CanSonoro”, no que implica aos veciños e veciñas coa súa música e as súas fantásticas historias. 
 
Máis música

Novedades Carminha será outro dos protagonistas musicais do festival, que traerá baixo o brazo o seu novo disco “Campeones del mundo” -recén estreado este mes de abril-, o máis experimental ata o momento e cheo de cancións para rachar coa pista de baile. A estes concertos debemos sumarlle o espectáculo de Mercedes Peón e Janet Novás, Leira de Alicia, Delafé, Joao Tomba, Best Boy, De Vacas -intérpretes da canción oficial do festival deste ano- e DJ Shy Boy. Perfílase así, unha programación musical que terá un total de máis de 20 actuacións e 30 horas de música.

Comentarios