Máis

Cal é o mellor menú para soportar a calor do verán?

Blogueiros e blogueiras gastronómicos da Galiza únense co obxectivo de configurar para Nós Diario un menú de verán con entrante, prato principal, sobremesa e bebida que axude a fuxir das altas temperaturas destes días. Unha aposta polos produtos da horta, as opcións vegás e os pratos frescos que demostra que a gastronomía estival é moi rica e variada.
Copia de Diseño sin título
photo_camera De arriba a abaixo e de esquerda a dereita: Roliños e Lemon posset (por Elisa Casal). Minipizzas e xeado (por Noemí García). Salpicón e tortaletas (por Anxo Fole).

Cando as altas temperaturas apremen semella que nada consegue calmar a sensación térmica. Nestes días de nova alerta pola vaga de calor en gran parte da Galiza, fechar as persianas, vestir roupa solta, non saír da casa nas horas centrais do día e beber moita auga son algunhas das indicacións básicas.

Malia todo, a gastronomía é unha aliada comunmente esquecida. Cando os termómetros superan a media habitual, existen determinados alimentos que axudan a regular a temperatura, previr a retención de líquidos e facilitar a dixestión.

Os vexetais, as froitas ou os alimentos crus son algunhas das comidas que se recomendan para loitar contra a calor. Da mesma forma que a carne, os peixes azuis ou o café, o cacao e o té resultan contraproducentes para o organismo.

Con isto, puidera parecer que as ensaladas, aínda que ricas, son a única opción para configurar o menú destes días. Para loitar contra esta idea e facilitar unha opción gastronómica completa, orixinal e saborosa, tres blogueiros gastronómicos da Galiza ofrecen a Nós Diario unha proposta de menú fresquiño para estes días nos que o tempo fai abafar.

Elisa Casal, creadora da páxina Kukinhas, combina a súa paixón polas lambonadas coa súa profesión como docente de inglés e a querenza polas receitas con produtos da horta. Outra profesora, Noemí García, neste caso de galego, é colaboradora de Nós Diario e impulsora da web Medialaranxa, un espazo no que mestura as súas dúas paixóns; cociña e lingua, a través de receitas vegás e saudábeis.

Anxo Fole, pola súa parte, é crítico gastronómico en Sermos Galiza e unha das metades do blog Fogóns de Tona e Anxo, un proxecto no que estes amantes da cociña comparten os seus experimentos culinarios nunha mestura entre a cociña do atlántico e a do mediterráneo.

Cada un deles ten un entrante, un prato principal, unha sobremesa e unha bebida coa que refrescarse estes días.

Os entrantes

Para comezar o xantar con algo sinxelo e rápido de facer, Elisa propón esmagar uns tomates, abrandar pan duro e mesturar todo ben con aceite, sal e vinagre para preparar un salmorejo.

Noemí, pola súa parte, suxire algo que, semellando máis elaborado, segue sendo moi doado de preparar. Cunha base de galletas mariñeiras, bótaselle sal e pementa a unha lámina de cabaciña e cun pouco de salsa de tomate, a poder ser caseira, conséguense unhas minipizzas de cabaciña que satisfarás as papilas gustativas das persoas máis esixentes.

O salmorejo de Elisa, as minipizzas de Noemí e a escalivada de Anxo como entrantes

Repetindo as galletas salgadas como base, un recurso ben socorrido, Anxo argalla unha receita na que a berenxena, a cebola e o pemento ao forno, xunto co zume que soltan ao se cociñar, configuran un prato moi saboroso.

Prato principal

Para seguir na súa liña de ingredientes de tempada, Elisa propón uns roliños de arroz que admiten calquera tipo de recheo e para os que ela suxire cabaciñas, berenxenas ou amorodos que envoltos nunha oblea de arroz xa fan o xantar.

Noemí segue apostando polos produtos da horta cos seus espetos vegáns con gaspacho de melón. Para a súa preparación só hai que cortar as verduras que se queiran incluír; unha opción é empregar cogomelos, tomates, cereixas, cabaciña, porro e pemento, cravalas nun espeto de madeira e saltealas na tixola cunhas areas de sal e especias ao gusto. Para o gaspacho só hai que cortar melón, allo, cogombro, cebola e pemento verde, trituralo cunha rebanda de pan e listo.

Neste caso, Anxo prefire achegarse aos produtos do mar cun salpicón de polbo, algo máis elaborado de facer mais que resulta unha alternativa diferente e fresca que mestura polbo, lagostinos e mexillóns con produtos da terra como allos, cebolas, pementos e tomates.

Sobremesa e refrixerios

Aínda que para a sobremesa unha froita sempre é boa elección, existen formas moi creativas de transformar estes ingredientes en doces. O Lemon posset que suxire Elisa é unha forma doada de aproveitar os limóns da casa cunha sobremesa de culler moi cremosa e para a que, ademais dos limóns, só se precisa nata e azucre. Se o limoeiro está cheo e aínda sobran, pódense mesturar con framboesas para facer unha limoada rosa coa que acompañar o xantar.

Froitas e hortalizas protagonizan o menú estival.

De cítricos vai o menú porque Anxo aproveita tamén para propor unhas tortaletas caseiras cun recheo feito a partir de quecer unha mestura de manteiga con relas e zume de limón e lima, ovos e azucre. Mentres arrefría a mestura pódese ir preparando a masa. Un doce algo máis elaborado que leva arredor de tres horas facer mais que é ideal para pasar unha tarde de repostaría e satisfacer as persoas máis larpeiras. Para acompañar toda a comida, Anxo avoga por unha sangría de albariño cunhas pedras de xeo.

Noemí saca os amorodos do conxelador para trituralos con leite e plátano conxelado e facer un xeado natural que acompaña moi ben cun crocante de cereixa. Case cos mesmo ingredientes en diferentes cantidades e engadindo un pouco de iogur pódese facer un batido de amorodos para baixar o xantar.

Co menú listo só falta pórse mans a cociña e fuxir da calor cuns pratos que proban que a comida de verán pode ser variada e saborosa e se se teñen produtos da casa moito mellor.
 

Comentarios