mércores 27/10/21
Noemí García, creadora de Media Laranxa, explica os contidos que publica

Noemí García: "Se coidamos da nosa alimentación, por que non imos coidar tamén da nosa lingua"

Noemí García, creadora da conta Media Laranxa, expón como foi a xénese do seu proxecto así como dos seus obxectivos, entre os que destaca a busca pola calidade lingüística no ámbito da gastronomía. García tamén opina sobre a situación actual do galego nas redes e reivindica a necesidade de poder atopar nelas calquera tipo de contido na nosa lingua. Ela mesma indica que “unha conta en galego non debe ser noticia, senón unha realidade.”
Noemí García é @media_laranxa en Instagram. (Foto: Nós Diario)
Noemí García é @media_laranxa en Instagram. (Foto: Nós Diario)

Avante Pouca

Como xurdiu a idea de crear a conta de Media Laranxa?
Media Laranxa xorde co fin de unir dúas das miñas paixóns: a gastronomía e a lingua. Ambas as dúas están presentes no día a día de cada persoa, pois todas comemos e falamos. Entón, se coidamos da nosa alimentación, por que non imos coidar tamén da nosa lingua? O galego é un idioma que vale para todo, polo que debemos poder atopar calquera receita na nosa lingua. Nesta conta non só publico receitas, senón que o seu principal obxectivo é que poidamos lograr unha maior calidade lingüística, desbotando os castelanismos máis asentados e dándolles nome a novas realidades. Media Laranxa intenta que os conceptos novos da cociña contemporánea sexan accesíbeis para calquera persoa, por iso decidín crear a conta en Instagram; todas temos redes sociais polo que todas podemos aprender se queremos. Ademais, o feito de que apareza un produto de forma tan visual co castelanismo e coa palabra galega que se debería empregar atrae moito a xente.
A verdade é que estou moi contenta co proxecto. Creei a conta no confinamento, en abril, e xa pronto comezou a subir o número de seguidores. Desde entón recibo moitas mensaxes agradecendo o meu traballo e reafirmando a necesidade deste tipo de contas. Precisamos normalizar esta situación. Unha canle en galego non debe ser noticia, senón unha realidade.

Avante Media 

Publica receitas, enquisas, formas correctas de termos en galego...
Si, fago un pouco de todo. No que ás receitas se refire, publico algunhas virais, como o café Dalgona ou as patacas Deluxe, pero maioritariamente receitas sas, aínda que, de cando en vez, tamén me animo con algunha lambonada. Agora que chega o Nadal estou a publicar receitas típicas destas festas, como tamén fixen no Samaín. Con todo, o que máis está gustando é a posibilidade de aprender cousas novas. Cada sexta feira adoito publicar enquisas polas historias e retar os usuarios a que elixan a forma correcta en galego dun alimento ou mesmo a súa pronunciación. Está claro que as persoas queremos aprender, tanto de gastronomía como de calquera outro ámbito, pero faltan medios. Precisamos contidos en galego de todo tipo.

Que acollida tivo a conta? Nota moita interacción cos teus seguidores e seguidoras?
Si, hai moita participación. Cando publico algún termo en galego con variantes nos diferentes bloques dialectais, moitas persoas comentan a equivalencia desa palabra na súa zona. E o mesmo ocorre coas receitas. A semana pasada publiquei a receita dunhas torradas típicas de Portugal e tiven moitos comentarios de persoas de distintos sitios da Galiza expondo que neses lugares tamén eran típicas.

Avante Toda

Que opina da situación actual do galego nas redes sociais? 
Existe unha comunidade moi chula entre as persoas que creamos contido en galego. Sempre nos apoiamos entre nós e tamén ás canles novas están a nacer, tanto no Instagram, como no Facebook, no Twitter etc. No que se refire á gastronomía, penso que existen moi poucas contas especializadas, aínda que cada vez están a aparecer máis, principalmente a raíz do confinamento como foi o meu caso.

Móvese por Instagram, tamén ten un blog... medrará Media Laranxa no futuro?
O meu plan de futuro é crear unha canle en Youtube na que subir receitas. Penso que é algo que falta no noso país. As únicas receitas que existen en galego son as da TVG e os participantes non demostran a calidade lingüística que merece a nosa lingua. Precísanse máis vídeos de gastronomía en galego. Moitas veces adoitamos buscar as receitas en castelán presupondo que non van existir en galego, e iso é unha mágoa.

Noemí García: "Se coidamos da nosa alimentación, por que non imos coidar tamén da nosa...
comentarios