Memoria e arte para 'rescatar' o patrimonio da Mariña

O antropólogo Rafael Quintía impartirá unha serie de palestras
Presentación do festival Mariña Inmaterial co director de Agadic, Jacobo Sutil, a directora de proxectos de Ouvirmos, Irene Sineiro, e as alcaldesas de Cervo, Barreiros, O Valadouro, a concelleira de cultura de Xove e representantes da asociación Mariña Patrimonio. (Foto: Ouvirmos)
photo_camera Presentación do festival Mariña Inmaterial co director de Agadic, Jacobo Sutil, a directora de proxectos de Ouvirmos, Irene Sineiro, e as alcaldesas de Cervo, Barreiros, O Valadouro, a concelleira de cultura de Xove e representantes da asociación Mariña Patrimonio. (Foto: Ouvirmos)

A Punta do Castro de Barreiros (comarca da Mariña) acolle mañá a primeira xornada do Festival Mariña Inmaterial. Trátase dun ciclo de accións culturais e sociais que decorrerá até o 26 de agosto en espazos singulares dos concellos de Trabada, Xove, Alfoz, O Valadouro, Cervo e o propio Barreiros para rescatar a memoria dos lugares coa finalidade de divulgar e actualizar o "rico" Patrimonio Inmaterial da comarca. 

O formato das palestras repetirase en cada unha das localidades, consistindo nun monólogo a cargo do antropólogo Rafael Quintía e nun espectáculo inspirado nas lendas do lugar da man de diversos artistas multidisciplinares.

Nesta primeira acción, a charla leva por título 'A Fábula', e seguiralle a actuación dos Monicreques de Ton Arenas Mircromina, que interpretará a 'Lenda da Cidade Asolagada de San Miguel de Vilachá'. 

Así, xunto a Punta do Castro, serán protagonistas destas xornadas a capela de Santa Filomena do Cadramón (Alfoz-O Valadouro), que acollerá unha palestra sobre os ritos de fertilidade; as ruínas de San Tirso de Portocelo (Xove), onde Quitía falará da barca de pedra; a capela Antiga de Santa Eufemia de Trasbar (Cervo), para falar do mito cristián; e o marco da Pena Verde (Trabada), onde o antropólogo falará de megalitismo.

Todos os monólogos son froito de meses de investigación, seguindo as pistas do patrimonio inmaterial da comarca mariñá.

Nestes escenarios, Rafael Quintía estará acompañado de artistas que basean o seu traballo na exploración de novas posibilidades creativas. Ademais de Ton Arenas, estarán o dúo de música tradicional galega BellónMaceiras; Margarida Mariño co seu Cello&Electronics; a coreógrafa e intérprete Rut Balbís; a videocreación de Sabela Eiriz; e a ceramista Verónica Moar. 

Comentarios