O traxe galego, protagonista das II Xornadas Etnográficas da Mariña

Xove acollerá a segunda edición desta cita.
Obradoiro de baile nas xornadas Etnográficas da Mariña de 2022 (Foto: Tecedeira)
photo_camera Obradoiro de baile nas xornadas Etnográficas da Mariña de 2022. (Foto: Tecedeira)

O concello de Xove, na comarca da Mariña, prepárase para a que será a segunda edición das Xornadas Etnográficas da Mariña, as cales estarán centradas no traxe tradicional galego así como na música e no baile propios da Galiza. Esta nova edición dá continuidade á organizada o ano pasado na localidade de Ribadeo e, nesta ocasión, a novidade é que contarán cun día máis de duración estendéndose até tres.

“Esperamos que este ano estas xornadas empecen a consolidarse como unha cita ineludíbel coa música tradicional e a etnografía no só na Mariña senón en todo o país”, indicou Xacobo Ares, director desta cita. Para alén diso, Ares sinalou que "a tradición non consiste en adorar as cinzas, senón en preservar e transmitir o lume".

Programación

As xornadas darán comezo a vindeira sexta feira día 16 de xuño cun pregón a cargo da Asociación Cultural Saíñas que este ano celebra o seu 40 aniversario. Inmediatamente despois, o grupo Cantometrics porá o toque musical ao primeiro dos días destas xornadas.

Xa o sábado 17 de xuño, o día arrincará co coloquio que leva por título A conexión nas músicas de tradición oral entre Galicia e Asturias, ás once e media da mañá, no salón de actos do centro cívico de Xove. Posteriormente abrirase a exposición Traxandaina: o traxe aldeán de garda nas terras de Lugo que contará tamén  cunha visita guiada.

Pola tarde presentarase o libro-disco As que dormen entre o centeo de Marina Vigo e Lucía Eiros. Despois Rebeca Tallón impartirá un obradoiro de baile e xa ás 21 horas será o concerto de Fiandola, que dará paso a unha foliada.

Clausura das xornadas

Finalmente, o domingo volverá abrir a mostra do traxe aldeán de Lugo e ás seis e media  da tarde clausuraranse as xornadas no pavillón xovense coas actuacións de Cántigas e Frores e Saíñas.

Comentarios