CONTRACULTURA

Matías Daporta, xestor cultural: "Intentamos transmitir ao público infantil que desprazarse ao teatro paga a pena"

Matías Daporta é xestor cultural e presenta a obra musical BUUUUUU
O cambadés Matías Daporta colabora coa compañía teatral Caracol para levar a obra a escena. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O cambadés Matías Daporta colabora coa compañía teatral Caracol para levar a obra a escena. (Foto: Nós Diario)

Matías Daporta (Cambados, 1987) colabora coa compañía teatral Caracol para levar á escena BUUUUUU, unha obra musical apta para todos os públicos e cuxas funcións darán comezo o día 16 no escenario do Instituto Francisco Asorei (Cambados). Esta foi creada por Olga González, directora da compañía e nai de Daporta, que faleceu o pasado mes de marzo.

Como foi o proceso de traballo con esta obra?

É un proceso grupal. Toda a compañía está implicada para rematar a obra. Eu estou encargándome só do aspecto de xestión e o relativo á escenografía. A compañía encárgase ao completo da parte artística. Para min é emocional, mais tamén é moi importante rematar este traballo que ela deixou a medias. Agora imos en terceira a toda présa, porque nos últimos meses non dera tempo de traballar. Estaba todo o mundo moi nervioso e había que adaptarse a non ter esa cabeza dirixindo. 

Esta obra tamén é un test de se a compañía pode continuar no futuro sen ela. 

Que é o que buscan?

Interesaríanos conseguir un convenio coa Deputación de Pontevedra ou coa Xunta da Galiza, de forma que poidamos convidar un director emerxente cada ano. A idea é que nós poidamos transmitirlle as aprendizaxes que tivo a compañía ao longo dos 31 anos de percorrido que leva, así como pór ao seu servizo os nosos recursos. Contamos cun espazo, recursos técnicos, obradoiro para facer as escenografías, e tamén os recursos sociais claro. Non fai sentido traer unha directora fixa se non é da vila e pareceunos máis interesante transmitir esta forma de traballo altruísta dentro do teatro afeccionado. Para a propia compañía tamén sería enriquecedor contar con artistas novas e emerxentes cada ano, entrar en contacto con outras realidades. Diría que Caracol é a única compañía da Galiza residente dun teatro, porque só están en cartel dez días ao ano. 

Cremos que é moi importante que as novas xeracións vexan que é posíbel traballar doutra maneira, facendo algo pola vila, e non necesariamente movéndose por un interese profesional ou económico. Ao ser obras destinadas principalmente para o público infantil tamén hai unha aprendizaxe que transmitimos: desprazarse ao teatro paga a pena. 

Creo que é especialmente importante nestas vilas nas que non temos un gran teatro como pode haber nas cidades e nas que a programación teatral é reducida. É darlle un valor diferente. 

Cales son as expectativas?

En principio non queremos facer ningún xesto de lembranza para Olga, a maiores do feito de levar a cabo a obra. Non queríamos pór ningún vídeo de recordo nin cousas similares. Aínda así, cremos que nas funcións que facemos para as persoas adultas entran en xogo moitas emocións, porque son conscientes do que aconteceu, algo que non ocorre nas funcións para crianzas. Para min tamén é moi importante por se acaso é a última, no caso de que a compañía decida non seguir producindo obras coas horas de traballo altruísta que isto implica. Persoalmente, vexo que a cultura e a forma na que a xente se relaciona coa cultura das vilas está mudando moito. Nestes momentos estou compilando información para intentar facer un libro que recolla estes 31 anos da compañía e pensando e lendo sobre as formas de traballo que había antes e comparando coas de agora vexo moitas diferenzas. 

Falabamos o outro día de que antes todo o mundo cosía os seus traxes, mais as novas xeracións non saben facelo, polo que dependen de costureiras ou doutras persoas. Isto fai que o traballo acabe en persoas concretas, en vez de que sexa algo grupal, como era antes.

Comentarios