Mario Regueira gaña o Illas Sisargas de poesía cun libro de “erotismo diverso e plural”

Marco Livorno é o título do libro de poemas co que Mario Regueira (Ferrol, 1979) vén de se facer co premio Illas Sisargas de poesía erótica, “un sorprendente percorrido por relacións eróticas diversas e plurais, nun ton épico, case elexíaco”, segundo Paco de Tano, presidente da asociación cultural Caldeirón.
 

entrega_premio
photo_camera O poeta Mario Regueira (no centro) recibe o premio Illas Sisargas de poesía erótica. Foto: asociación cultural Caldeirón.

A obra “aborda o erotismo desde unha perspectival homosexual” e é “bastante especial e bastante estraño” -así o define o autor. Na recepción do premio, organizado por Caldeirón, Regueira admitiu que sempre houbera erotismo no seu traballo mais que, “sen este certame” nunca escribiría Marco Livorno.

O mesmo acto serviu para presentar Diáspora de amor balea, o libro escrito por María Rosendo (Vigo, 1984) e Andrea Nunes (Marín, 1984) que gañou a pasada edición do galardón. Ademais, Xabier Xil Xardón (Xinzo de Limia, 1983) ofreceu o espectáculo baseado no seu último poemario, Detéxtonos, con Leo i Arremecághona (Matamá, 1974) á guitarra.

Mario Regueira, crítico literario do semanario Sermos Galiza, é narrador e poeta. Neste último xénero publicou Tanxerina (2006), Blues da crecente (2009) e O silencio (2012).

Comentarios