Mariña Patrimonio denuncia “posíbeis danos” no castelo de Riotorto por maquinaria pesada

Sinala que a apertura de pistas e remocións de terras puideron danar o Castelo de Penaflor, Ben de Interese Cultural.

 

Castelo Riotorto Mariña Patrimonio
photo_camera (Foto: Mariña Patrimonio)

Mariña Patrimonio vén de denunciar perante a Dirección Xeral do Patrimonio posíbeis danos no Castelo de Penaflor, situado no lugar de Machín, parroquia de Santa Marta de Meilán, en Riotorto, comarca da Mariña.

Segundo puideron comprobar membros de Mariña Patrimonio, indica o colectivo, na zona norte deste Ben de Interese Cultural realizáronse recentemente remocións de terras con maquinaria pesada para a apertura dunha pista.

“As remocións de terras e a pista chegan ao interior do foxo que defendía o castelo. Por outra banda, na zona sur do xacemento abriron tamén unha pista, que sobe ata o mesmo castelo”, indican nun comunicado.

Na parcela onde se atopa o Castelo de Penaflor acondicionouse o terreo con maquinaria pesada para a plantación de eucaliptos

Estes movementos de terra con maquinaria pesada chegaron ata os muros, denuncian, que forman parte deste ben patrimonial protexido, o que puido provocar o derrube dalgúns tramos dos muros. Así mesmo, na parcela onde se atopa o Castelo de Penaflor acondicionouse o terreo con maquinaria pesada para a plantación de eucaliptos. “Esta acción puido deixar soterrado parte do antigo e orixinal camiño de entrada ao castelo”.

Mariña Patrimonio sospeita que estas actividades, “que probabelmente non conten coa preceptiva autorización da Consellería competente en materia de patrimonio, puideron danar e alterar este ben patrimonial, polo que lle solicita á Dirección Xeral de Patrimonio que se adopten as medidas oportunas para que se proceda á restauración das zonas afectadas, así como a  apertura do correspondente expediente sancionador.” 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios