PEDRO FERRIOL, ESCRITOR E VIÚVO DA ESCRITORA DO DLG2018

"María Victoria Moreno é unha das moitas escritoras galegas que foron esquecidas"

Falamos co viúvo de María Victoria Moreno, o escritor cubano Pedro Ferriol, que compartiu con ela os seus tres últimos anos de vida. 

pedroferriol-mv
photo_camera Imaxe de María Victoria Moreno, xunto coa súa filla e o seu marido, Pedro Ferriol

- Cre que é un acto de xustiza dedicarlle a María Victoria Moreno o Día das Letras?


- Eu creo que si, porque María Victoria foi unha pioneira na literatura infantil e xuvenil en Galiza. A pesar de que veu a Galiza no ano 1963, a partir dese momento aprendeu galego e non escribiu nunca máis en castelán. Todo o que publicou foi en galego. Non sei se saberás a historia dunha novela súa titulada 'Donde el aire no era brisa'. Esa novela, cando eu vin vivir con ela, atopeina rexistrando un caixón do despacho, onde estivo gardada durante 36 anos. E ela nunca quixo publicala porque estaba en español. Mesmo estaba escrita nunha máquina de escribir antiga e apenas se podía ler, pero eu collina, lina varias veces, encantoume e animeina a facerlle algunhas correccións. Fíxollas, cambioulle o nome, e en agosto de 2005 foi premiada no concello de Monleón en Salamanca. E alá fomos coa nosa filla para recibir o premio. Foi un acto moi emocionante, e ela dixo que con ese acto pechaba un ciclo da súa vida. Foi a súa última aparición pública e, efectivamente, tres meses despois falecía, o 21 de novembro.

Para nós sería un orgullo tremendo participar en todas as actividades que se fagan, porque María Victoria foi unha gran muller, pioneira da LIX galega. 

- Para a súa familia que significa este recoñecemento?


- Realmente para nós, para min e a súa filla, é unha honra, porque é unha das moitas escritoras galegas que foron esquecidas, porque faleceu en 2005 e ninguén se acordou dela até a iniciativa d'A Sega coa homenaxe que lle fixeron en 2015. E agora, despois de 12 anos, estase a promover o seu recoñecemento para as Letras. Para nós sería un orgullo tremendo participar en todas as actividades que se fagan, porque María Victoria foi unha gran muller, pioneira da LIX galega. 

- A escritora Eli Ríos dixo dela en Sermos que é a nai da LIX galega. 


- Si, a nós iso énchenos de satisfacción. Para min, no persoal, foi unha honra compartir os últimos anos da vida de María Victoria. Fíxome medrar en todos os aspectos. Como escritor, para min foi unha mestra. Grazas a ela puiden desenvolver máis a miña carreira como escritor, pero máis que iso, creo que medrei como ser humano. Transmitiume unha serie de valores humanos, de lealdade, de apoio, de afecto aos desfavorecidos... Ela tiña un dito do apóstolo José Martí ligado aos pobres da terra: "Con los pobres de la tierra quiero yo mi suerte echar". Así era María Victoria. 

- Cres que o feito de ser muller e que escribira para nenos e nenas explica o seu esquecemento?


- O gran problema dela, aínda que non sexa un problema, é que foi unha muller moi modesta. Ela nunca se animaba a presentarse a concursos, ou a buscar recoñecemento público. Os poucos que lle deron ganounos a forza de vontade. Pero creo que hoxe non creo que sexa moi recoñecida no mundo das letras galegas. 

O gran problema dela, aínda que non sexa un problema, é que foi unha muller moi modesta. Ela nunca se animaba a presentarse a concursos, ou a buscar recoñecemento público.

- Que é o que nos queda por descubrir dela?


- Ela recibiu no ano 2005 unha mención no premio Xoán Manuel Pintos. Aí eu explicaba que ela foi moi prolífica na súa traxectoria, aínda que probablemente lle faltaran anos de vida. A súa carreira como escritora non obtivo moitos premios, aínda que non cría nos premios literarios. Aínda así, recibiu varios... e, sobre todo, figura na lista de honra da IBBY por 'Anagnórise', e tamén o White Raven por 'Guedellas de seda e liño'.

- De que libro se sentía máis orgullosa?


- Ela sentíase satisfeita de todo o que escribiu, pero houbo algúns que a marcaron. O seu libro máis famoso, que se mal non recordo ten 14 edicións, é 'Anagnórise', pero hai outro moi especial para ela, 'Leonardo e os fontaneiros'. Pero eu creo que o libro que destaca mellor o carácter dela foi o 'Diario da luz e a sombra', unha especie de biografía do que ela sufrira co cáncer. Aí destácanse unha serie de cualidades morais e cívicas que a retratan. Aínda que tamén escribiu ensaios, libros de texto, poesía... Se non lembro mal creo que publicou 47 libros, tanto de forma individual como colectiva. 

Tiñamos pensado mesmo en reescribir a historia das nosas vidas: como nos coñecemos, como tería sido a nosa vida se nos tivesemos coñecido de novos. Con iso queriamos facer unha novela.

- Ela foi mestra, escritora, editora... en que papel se sentía máis cómoda?


- Como profesora, indubidablemente. Ela foi unha mestra que adoraba aos seus alumnos. Ela chamáballe "os meus cachorros". E sempre tivo moita complicidade con eles, adorábana. Aínda estiven comentando coa miña filla hoxe dunha alumna que quería ser actriz e non sabía como dicirllo aos seus pais, e ela mediou cos seus pais. Ela tiña verdadeiro amor polos seus estudantes. Aínda hoxe moitos deles, que son adultos, siguen en contacto con nós, coa súa familia. 

- Que proxectos lle quedaron por facer?


- Ela tiña un modo moi peculiar de escribir. Ela escribía un conto, unha historia pequena, de cinco ou sete folios, e gardábaa no computador. E logo introducíaa nunha novela. E quedáronlle dúas historias inconclusas e inéditas, téñoas eu gardadas. E estivemos moi pouco tempo xuntos, apenas tres anos, pero o que lle comentaba ela ás súas amizades é que os tres anos que estivemos xuntos foron de traballo intenso porque tanto ela coma min traballamos moitísimo. Mesmo o seu libro 'Eu conto ti cantas' saíu publicado apenas unha semana antes de falecer, estando xa ela no hospital, ás portas da morte. E quedáronlle varios rascuños que iamos facer en conxunto, tiñamos pensado mesmo en reescribir a historia das nosas vidas: como nos coñecemos, como tería sido a nosa vida se nos tivesemos coñecido de novos. Con iso queriamos facer unha novela. E quedóusenos ese rascuño, o que pasa é que emocionalmente -a pesar de que pasaron 12 anos- eu non aínda quen de facelo. Non sei se é que somos demasiado sensibles nós os escritores, pero aínda non podo facelo. Ela estivo traballando até poucos meses antes de falecer. Foi incansable nese sentido. 
 

Comentarios