ARTIGO DE MANUEL BRAGADO

María Victoria Moreno, da vida e da esperanza

Reproducimos aquí un artigo de Manuel Bragado, director de Xerais e editor das obras que María Victoria Moreno publicou nos últimos anos de vida. Este texto apareceu no A FONDO monográfico que dedicamos a esta autora, baixo a coordenación de A Sega, o 25 de xuño de 2015.

mariavictoria
photo_camera María Victoria Moreno

Tiven o privilexio de ser editor das obras que María Victoria Moreno publicou nos seus últimos anos de vida, o ensaio Diario da luz e a sombra (2004) e Eu conto, ti cantas… (2005), aparecido nos andeis das librarías apenas un mes antes do seu pasamento, un libro infantil ilustrado por Manuel Uhía onde reuniu tres contos de animais escritos en verso. Un ano despois, publicamos en Xerais a súa obra poética baixo o título Elexías de luz (2006), preparada polo seu amigo Xavier Senín, un volume no que se reuniron os poemas que a pontevedresa escribiu en cinco cadernos e que conformaban dúas obras distintas: Elexías de luz e Duns folios que foron brancos, o texto no que estaba traballando antes de morrer. No ano 2009, a instancias do seu compañeiro Pedro Ferriol, integrante con ela da Sociedade literaria Olmo, reeditamos na colección Merlín Mar adiante, a primeira obra en lingua galega de María Victoria Moreno (Edicións do Castro, 1973), unha novela de panda considerada como un dos textos fundacionais da nosa literatura infantil en galego.

"Transcorrida unha  década do pasamento de María Victoria Moreno, a lectura do seu diario literario último achéganos a posibilidade de esculcar os territorios da luz e a sombra da alma humana"

Ben sei que naqueles anos tan difíciles da súa doenza, como fixera ao longo da súa vida enteira, María Victoria Moreno nunca perdeu nin a esperanza nin a súa afouta determinación por escoller os seus vieiros. Nacida en Valencia de Álcántara, en terras arrraianas de Estremadura, cando chegou a Pontevedra en 1963, destinada como profesora de lingua e literatura españolas do instituto Valle Inclán, en pleno franquismo decidiu incorporarse de cheo na actividade cívica e política da cidade do Lérez, identificándose decontado co país, aprendendo galego e converténdoo na lingua propia, tanto no eido familiar como máis tarde no literario. Comprometida e boa profesora, como testemuña o seu alumnado, sempre preocupada pola docencia, decidiu participar na elaboración de diversos materiais didácticos e dunha antoloxía, Os novísimos da poesía galega (Akal, 1973), en anos decisivos para a conformación do modelo de galeguización educativa e do ensino da lingua galega. Inicialmente cultivou a narrativa para persoas adultas en castelán, a súa novela Alcores de Donalvar foi en 1969 unha das catro finalistas do Premio Café Gijón, mais decidiu limitarse en exclusiva ao campo da literatura infantil e xuvenil en galego, subxénero onde ofreceu como escritora alófona algunhas das obras máis relevantes da fin de século como Leonardo e os fontaneiros (Galaxia, 1986), Anagnórise (1989) e Guedellas de seda e liño (Galaxia, 1999), que tiveron gran acollida entre o lectorado novo daquel tempo. En todos estes eidos do educativo e do literario, como tamén no eido do privado, María Victoria soubo escoller con determinación e afouteza aquel vieiro que ela consideraba o máis axeitado, nin máis nin menos.

A ilusión necesaria


Xaora, a nosa relación con María Victoria Moreno comezou cando na primavera de 2004 recibimos o seu orixinal I.T.V. (diario da luz e a sombra), o texto onde relata a súa experiencia, as súas reflexións e a súa crónica como enferma de cancro de mama durante cinco anos de loita contra o que ela chamaba “a pupa cabrona”. Xa na primeira lectura do orixinal comprobamos que estabamos diante dunha peza literaria de beleza desconcertante, de sinceridade asombrosa, escrita dende a serenidade e a coraxe de quen sabe que unha doenza, por grave que for, non muda a personalidade de ninguén, se non que apenas resalta os trazos característicos de cadaquén. Un texto autobiográfico escrito en condicións inclementes, mais capaz de contaxiar un optimismo sensato, de quen posúe a convicción de que nunca é tempo de abrirlle as portas á desolación.

Eis a grandeza literaria daquel texto memorialístico que, a pesar de ser recibido de forma moi discreta pola crítica (o cancro é unha enfermidade que intimida e da que aínda se fala con eufemismos), merece ser reivindicado xa que mantén toda a súa novidade e devólvelle á lectora a ilusión necesaria para conservar todo aquilo que confire á vida un valor, até entón quizais subestimado. Un texto que non agocha o primeiro choque brutal e as aflicións provocadas pola fase inicial da doenza, o que María Victoria denominaba “A subida á alta rocha”, asociada ao medo ao descoñecido, mais que demostra que é posible, por difíciles e dolorosas que sexan as situacións (como son os efectos dos “chutes” da quimioterapia), descubrir nas rotinas diarias pequenos praceres insospeitados, establecer vencellos afectivos ou amorosos que doutra forma non serían identificados, ou contar coa serenidade suficiente para enfrontar os contratempos do devir cotián. En definitiva, momentos de destilación de vida en estado puro. Cando fun convidado por María Victoria a escribir unhas palabras limiares para o libro, acudín ás palabras sabias de Assis Machado, para lembrar que “o cancro non recoñece as virtudes do suxeito a quen apreixa”. Como outras doenzas graves, emparella na súa ferocidade a todos os seres humanos, que somos igualmente fráxiles diante dela.

Transcorrida unha década do pasamento de María Victoria Moreno, a lectura do seu diario literario último achéganos a posibilidade de esculcar os territorios da luz e a sombra da alma humana. “Adentrarse nestas páxinas coraxudas, enchidas, paradoxicamente, de humor e tamén dalgunhas bágoas, constitúe un exercicio de humildade e de confianza nas posibilidades dos seres humanos.” Esa é a aposta pola vida e pola esperanza á que nos convida cando este ano a lembramos como a nosa Galega das Letras.

Comentarios