María Vázquez recibirá o Premio Pedigree de Honor na próxima edición do Festival de Cans

O Chimpín de Prata “Pepe Puime”, será nesta edición para o actor Eduardo Rodríguez “Tatán”, historicó actor galego con máis de 40 anos de carreira.
A actriz viguesa María Vázquez.
photo_camera A actriz viguesa María Vázquez.

O Festival de Cans, cuxa XXI edición terá lugar entre o 21 e o 25 de maio na parroquia homónima do Porriño (comarca de Vigo), acordou conceder o seu Premio Pedigree de Honor á actriz María Vázquez, unha das intérpretes máis destacadas do cinema galego dos últimos anos. 

Vázquez  estivo nomeada ao Goya á Mellor Actriz polo seu traballo en Matria, filme polo que recibiu a Biznaga de Oro á Mellor actriz no Festival de Málaga.  A concesión foi decidida pola Asociación Cultural Arela, organizadora do festival.

Intérprete de gran versatilidade, María Vázquez destaca polo seu exhaustivo traballo na construción de personaxes. O Festival de Cans recoñece tamén o seu papel como persoa socialmente comprometida e a súa achega para transformar a sociedade dende unha ollada feminista, así como a súa reivindicación da orixe rural.

O Festival valora tamén que a actriz, siga participando en proxectos de curtametraxes, así como a conexión que a actriz estableceu coa xente da aldea de Cans nas veces nas que pasou polo festival. En anteriores ocasións foron premiadas Mabel Rivera (2006), María Pujalte (2011) e María Bouzas (2014). Ademais da concesión do premio, María Vázquez colocará a súa estrela no Torreiro das Estrelas de Cans o día 24 de maio.

 

'Tatán', Chimpín de Prata

Outros dos galardóns honoríficos do Festival de Cans son os Chimpíns de Prata, que premian o impulso e a relación de profesionais e veciños co certame. O Chimpín de Prata “Pepe Puime”, será nesta edición para o actor Eduardo Rodríguez “Tatán”, historicó actor galego con máis de 40 anos de carreira. Ten participado en quince longametraxes, numerosas obras de teatro e máis de dez curtametraxes. Pola última delas, O coidado, recibiu o pasado ano o premio ao Mellor Actor no Festival de Cans. Nestes momentos, participa como actor no filme San Simón, de Miguel Ángel Delgado, que se roda estes días.

Coñecido polo seu traballo ao fronte da compañía de títeres Tanxarina, Tatán foi recoñecido con algún dos máis prestixiosos premios teatrais da Galiza, como o Dorotea Bárcena que concede Fetega de O Carballiño, O Premio da MIT de Ribadavia, o Premio de interpretación Maruxa Villanueva (2018), ou  o Xograr de Ouro da FIOT de Carballo. Ademáis da súa dilatada traxectoria como actor, este chimpín de Prata é un recoñecimento a unha persoa  moi querida na profesión e sempre disposto a colaborar co Festival de Cans ao longo da súa historia. 

O Chimpín “Divina Campos” será para o ilustrador e debuxante Luis Davila (Bueu, 1972), un dos artistas máis populares da Galiza neste apartado. Davila converteu ó seu personaxe “O Bichero”, nun símbolo da iconografía popular galega. A súa viñeta diaria en Faro de Vigo, e o seu agudo sentido do humor é seguido por milleiros de persoas.
 
Desde a primeira edición do Festival de Cans, Davila instaurou unha tradición: realizar cada ano unha viñeta sobre o festival, dimensionando e potenciando os elementos do festival, como jalpóns, cortellos ou chimpíns, mesturados con ideas arredor de filmes míticos do cinema ou actores e directores moi coñecidos. Luis Davila non só recibirá este ano o Chimpín de Prata, senón que haberá unha exposición arredor do seu traballo con Cans como inspiración.  

 

A señora Fermina do Pouso, Chimpín da veciñanza

Ademais, como cada ano, o Festival de Cans concede un Chimpín de Prata o labor desinteresado dunha veciña ou veciño na súa aportación ao Festival de Cans. Nesta ocasión o galardón recaerá na muller máis vella da aldea: Fermina Fernández, a Señora Fermina do Pouso, que está próxima a cumprir os 100 anos de idade. 

A Señora Fermina, residente no barrio da Graña onde naceu, é a memoria viva da nosa aldea. Desde hai varios anos colabora prestando a súa testemuña ao Proxecto Cans 303, onde se realizan documentais colectivos que recuperan a memoria da aldea en ámbitos que van dende o contrabando aos bares pechados, ás feirantas ou ás tradicións. A señora Fermina traballou durante a súa vida como costureira polas casas e como vendedora ambulante, sempre combinando coa dura vida do traballo no campo, e coa súa memoria prodixiosa que se presta a rexistrar ano tras ano.

Comentarios