Contracultura

María Rei: "O relato é o encontro entre dous náufragos que logran salvarse e sandarse mutuamente"

O caderno de verán Máis, que acompaña Nós Diario, achega desde hoxe ao sábado o relato inédito Brenda e o ventrílocuo que María Rei escribiu en exclusiva para este xornal. A través de cinco entregas narra a historia de Brenda, unha rapaza que medra nun contexto hostil afastado do que debería ser o fogar dunha nena. O relato convida a reflexionar sobre as escasas oportunidades que teñen as crianzas que crecen en contornas empobrecidas para ter unha calidade de vida digna.
 
photo_camera A escritora María Rei afonda na historia que desde hoxe ao sábado se poderá ler no caderno 'Máis'.

—Un dos eixos centrais do relato é a realidade das crianzas que non reciben coidados nin a atención precisa polos seus proxenitores. Cando logran saír dese ambiente de desamparo, que fica?

Brenda representa todas esas crianzas ás que lles fallan as persoas que deberían protexelas, non só lle falla a familia, tamén falla en gran medida o sistema. O sistema primeiro empurra as familias á marxinalidade e despois esquécese delas. Neste relato todos contribúen, en maior ou menos medida, ao naufraxio de Brenda.

É a historia de dous naufraxios: o de Brenda, en terra; e o de Samuel, o ventrílocuo, no mar. Eu definiría o relato como o encontro entre dous náufragos aos que lles arrebataron todo e que logran salvarse e sandarse mutuamente.

—A perspectiva da protagonista acerca do seu barrio evoluciona a medida que abandona a nenez.Cre que a inocencia das crianzas lles axuda a idealizar o 
lugar en que viven?

Penso que dalgún modo si. Brenda lembra a súa vida no Carme onde, malia as carencias que tiña de cativa, se sentía libre nunha comunidade que a acollía e cuxos códigos interiorizaba e asumía. Mais axiña percibe os sinais de alarma. Descobre que o lugar que a cidade lle asigna é a violencia que a envolve.

—A protagonista do relato, Brenda, vive na periferia, nun ambiente empobrecido. Como inflúe a contorna no desenvolvemento da protagonista? 
A contorna inflúe notabelmente no desenvolvemento da protagonista. O lugar no que nacemos, non só o lugar físico senón tamén o lugar que a sociedade nos asigna, resulta determinante. É un relato pero daría para unha novela. 

Eu como docente podo asegurar que atopei moitas Brendas, persoas que non tiveron nin a máis mínima oportunidade de saír do lugar no que estaban. 
Cando escribía o relato non deixaba de pensar nelas e no pouco que facemos como sociedade para axudalas a nadar até un lugar seguro.

—A avoa da protagonista xulga con vehemencia os erros das mulleres e desculpa a tiranía dos homes. Adoita pasar esta situación?
A avoa é unha de tantas mulleres que teñen interiorizadas os códigos que rexen a vida que lle tocou vivir. Non se rebela, non pensa que algo pode cambiar, asúmeos e obra en consecuencia. A respecto das motivacións que poida ter, convido as lectoras e os lectores a reflexionar sobre a cuestión.

—A pesar dos erros dos seus pais, parece que Brenda segue necesitándoos. O amor que senten as persoas polos seus pais é tan forte como para perdoar calquera cousa ou é que a mente edulcora os malos recordos?
Penso que no relato non hai perdón nin esquecemento, tampouco rancor. Brenda, como calquera crianza, precisa protección e a guía das persoas adultas que a coiden e a acompañen. Cando as que lle tocaron fallan, ela, que é unha cativa con moitos recursos, inventa unhas a medida coa axuda de Samuel. Pero como ben lle di el, será libre cando non necesite aparentar o que non é.

—Está traballando nalgún proxecto actualmente?
Os dous últimos anos estiven traballando en proxectos de Bioloxía e Xeoloxía. Foi como pechar un ciclo, para poder  dedicarme de cheo á narrativa. Teño a medias algúns proxectos para un público máis novo. En todos a natureza está sempre presente, ben como escenario ou ben como protagonista.

Comentarios