Contracultura

Xosé de Cea, autor do relato 'A cámara estéril': "A ansiedade do protagonista é a ansiedade coa que eu vivín a profesión nos meus inicios"

O caderno de verán Máis, que acompaña Nós Diario, achega desde esta terza feira ao sábado o relato inédito A cámara estéril que Xosé de Cea escribiu en exclusiva para este xornal. A través de cinco entregas, afonda sobre as luces e sombras do xornalismo nunha historia que cuestiona a ética da profesión cun estilo narrativo que remove as emocións a través do ton lírico.
 
8 xosé de cea
photo_camera O escritor Xosé de Cea afonda no relato que desde hoxe ao sábado se poderá ler no caderno 'Máis' (Foto: Soqui Cea)

Vén de publicar a súa primeira novela para persoas adultas, mais deuse a coñecer como poeta. Cre que condiciona isto o estilo lírico que se aprecia no relato?

Fascíname o estilo narrativo de autores e autoras que non se limitan a utilizar a linguaxe dun modo puramente prosaico e obxectivo, que infiltran de poesía as historias que contan. Cormac McCarthy, Manuel Rivas, Clarice Lispector... Máis que a miña querenza pola poesía, condiciónanme máis esas influencias.

É vostede xornalista, a ética e os mitos da profesión resultan algúns dos eixos da historia. Por que?

Cando asumín o reto de escribir un relato de ficción, souben desde o comezo que debía recorrer á experiencia propia para contar unha historia minimamente críbel. E, se debía tirar de biografía, a profesión xornalística ocupou boa parte da miña vida. Nese senso, ser xornalista de comarcas foi a universidade onde aprendín case todo o que se pode aprender sobre este oficio. Esa posición humilde, nun dos chanzos máis baixos da profesión, foi para min un enorme contraste respecto do xornalismo que practicaban referentes como os correspondentes de guerra.

Cal cre que é a percepción da sociedade sobre a profesión?

Supoño que a percepción que se merece. A maior parte do xornalismo que se fai hoxe en día e que consumimos está ao servizo de grandes corporacións empresariais que utilizan a difusión de información como medio para impoñer a súa visión política e económica da realidade. De feito, a polarización que estamos a vivir hoxe en día no eido político percíbese tamén nos mass media, de maneira que o hooliganismo á hora de defender un partido político ou un equipo de fútbol, que veñen sendo dúas modalidades de fanatismo acrítico moi semellantes, tamén a atopamos nos medios de comunicación que escolle á xente á hora de informarse. 

En realidade, a maior parte das persoas que consumen os contidos dos medios de comunicación, máis que informarse só buscan mensaxes que reforcen a súa visión da realidade. Dito isto, a percepción que ten a sociedade da profesión xornalística é evidente: Están os medios e xornalistas que din o que quero escoitar, e que para min é a verdade; e están o resto, que son escoura que pretende manipularme a través da mentira.

Cara ao final do relato, a ansiedade do protagonista contáxiase aos lectores e lectoras. Como se consegue evocar esta urxencia?

Foi sinxelo. Só tiven que facer memoria. A ansiedade do protagonista é a ansiedade coa que eu vivín a profesión nos meus inicios. Daquela, cando exercín como correspondente de comarcas, eu era novo e un pouco miñaxoia, polo que me afectaban moito emocionalmente as presións políticas ou as situacións de estrés semellantes ás que se narran no relato.

A frase de Kapuscinski “para ser bo xornalista hai que ser boa persoa” é fundamental na historia. Que é para vostede unha boa persoa?

A realidade non é tan maniquea como para atopar tipos puros de boas e malas persoas. Se nos atemos ao que se conta no relato, cando traspasas certos límites á hora de informar, de contar a verdade, é probábel que esteas a ter un comportamento eticamente reprobábel no exercicio da profesión. Ser consciente diso e actuar en consecuencia pode facer de ti un peor xornalista pero unha mellor persoa, o cal contradí o aserto de Kapuscinski.

E un bo xornalista?

Sinceramente, e ao contrario do que afirma Kapuscinski, creo que para ser un bo xornalista hai que ser un pouco cínico, o suficiente como para estar blindado e poder defenderte diante de todas as cousas coas que os teus inimigos tentarán enzoufarte, tamén para ter arrestos de cara a escornarte con eles na procura da verdade. Se es moi boa persoa, serás un albo doado para eles.

Comentarios